Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os nenos e nenas...


Os nenos e nenas saharauís gozaron da praia, a piscina e as festas no seu primeiro mes en Ames

[09-08-2018] Un ano máis o Concello de Ames colabora co programa Vacacións en Paz, que leva a cabo a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, a través do cal as familias do municipio acollen durante os meses de xullo e agosto nenos e nenas saharauís. Nesta edición son 7 familias amesás as que acollen a 4 nenos e 3 nenas ata o vindeiro 6 de setembro. Jadiya, Aicha, Ensaha, Jalil, Brahim, Alien e Hassana xa cumpriron o seu primeiro mes de estadía coas súas familias amesás. Durante este tempo, ocuparon as súas vacacións en ir á praia, á piscina e a diferentes verbenas, entre outras actividades.

Os 4 nenos e 3 nenas saharauís están a pasar un verán inesquecible en Ames, fuxindo das elevadas temperaturas do Sáhara e ofrecéndolles a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa a súa formación. Jadiya, Aicha, Ensaha, Jalil, Brahim, Alien e Hassana xa pasaron o ecuador da súa estadía en Ames, tempo que aproveitaron para gozar da praia, a piscina, as festas e a gastronomía do país.

Visita a Ames Radio
Durante as súas vacacións, Jadiya, Aicha, Ensaha, Jalil e Brahim, así como as súas familias, sacaron un pouco de tempo para visitar o estudio de Ames Radio. Os nenos e nenas falaron do que máis lles gusta do verán, e todos eles coincidiron en enumerar a praia, a piscina e a comida. Jadiya, que pasou uns días en Esteiro con Lola e a súa familia, comenta que o que máis lle gusta é “a praia”, algo co que tamén coincide Ensaha, que tamén conta entre os seus favoritos coas “festas e as verbenas”.

Aicha, sen embargo, prefire a piscina, que lle serviu para “aprender a nadar” e dixo sentirse namorada do “polo con patacas”. Jalil e Brahim, pola súa parte, gustan tanto da praia como da piscina, e din que entre as súas cousas preferidas tamén se encontra “a tortilla de patacas”. Este último foi a veranear á Baña e tamén visitou o parque de Cabárceno, onde descubriu que o seu animal favorito de todos os que viu foi o león. Por diante queda aínda un mes para que Jadiya, Aicha, Ensaha, Jalil, Brahim, Alien e Hassana sigan gozando dunhas vacacións en paz. A bo seguro que serán moitas as vivencias que seguirán a ter durante este mes de agosto. Entre elas, por exemplo, a recepción que o alcalde de Ames, José Miñones, e outros concelleiros/as do goberno lles farán na casa consistorial a finais de mes.
As familias, pola súa parte, din que desta experiencia o que máis os marca é todo o que aprenden destes nenos: esforzo, ganas de facer cousas, xenerosidade e a capacidade de escoitar.

Mercadillo solidario
A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí e as familias que este verán acollen a estes nenos e nenas saharauís contarán cun posto este sábado, 11 de agosto, no mercadillo de Bertamiráns. Todas aquelas persoas que o desexen poderán colaborar con esta causa solidaria dende as 16:30 horas e ate o peche do mercadillo, que se desenvolve todas as tardes dos sábados na localidade amesá.

Entre os produtos que se poderán adquirir haberá libros, roupa e louza de segunda man, así como rifas e merchandising da propia asociación. Asemade, o posto tamén servirá como punto de información ao que poden achegarse todas aquelas persoas interesadas en recibir información sobre o programa Vacacións en Paz 2019, para o que xa se están buscando familias de acollida. O obxectivo é recadar fondos para sufragar un proxecto sanitario para a compra e envío de medicamentos para o centro sanitario de Galicia nos campamentos de refuxiados saharauís.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925