Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Arredor de cento...


Arredor de cento cincuenta persoas participarán na IV Festa do Porco á Brasa

[10-08-2018] Esta noite dan comezo as festas da Peregrina de Bertamiráns coa IV Festa do Porco á Brasa, que terá lugar no Campo da Peregrina ás 22.00 horas. Os billetes aínda poden ser adquiridos a través das propias persoas da comisión, no Bar Mero e na Casa Abelleira, así como pola noite na propia carpa do Campo onde se desenvolve a festa. Arredor dunhas cento cincuenta persoas están xa apuntadas ao festexo, no que se poderá degustar, alén do propio porco, outros produtos como empanada e diferentes sobremesas.

A Festa do Porco á Brasa será o pistoletazo de saída de unhas festas cheas de música e actividades. Deste xeito, esta mesma noite poderase gozar da actuación de Mar d`Arousa. Mañá sábado, 11 de agosto, os festexos comezarán ás 10:00 horas coa tirada de 21 bombas de palenque e, a partir das 11:00 horas, a charanga Os Atrevidos da Barcala estará percorrendo as rúas de Bertamiráns.

Ás 14:00 horas comezará a sesión vermú coa orquestra Ritmo Joven. Pola tarde haberá inchables para os cativos de 18:00 a 21:00 horas no parque da Travesía do Rueiro. Cara ao final do día, ás 19:00 horas, terá lugar unha misa e a procesión de fachos. A partir das 22:00 horas dará comezo a verbena no Campo da Peregrina coas orquestras Ritmo Joven e Furia Joven, conxunto que está a realizar a súa primeira xira por Galicia.

O domingo, 12 de agosto, a festa comezará ás 10:00h coa tirada doutras 21 bombas de palenque e cun pasarrúas a cargo do grupo de gaitas amesán Os Castros, que tamén ofrecerá unha actuación de baile tradicional a partir das 12:00h na praza da Maía. Nesta mesma praza actuará, a partir das 11:00h, a banda de música de Negreira, que tamén acompañará a procesión posterior á misa solemne das 12:00h. A sesión vermú dará comezo ás 14.00 horas coa actuación da orquestra Israel. Xa pola tarde, ás 19:30h no campo municipal, terá lugar o XV Trofeo de Fútbol “Café Don Budi”. O punto final das festas da Peregrina de Bertamiráns poñerano as actuacións das orquestras Israel e El Combo Dominicano a partir das 22:00 horas.

Festas en Agrón

Como xa é tradición, os días 10, 11 e 12 de agosto tamén son as festas da parroquia de Agrón. Durante os tres días haberá misas cantadas e varias actuacións musicais. O venres conmemórase o día de San Lourenzo, e as actuacións correrán a cargo do dúo Nueva Era e a orquestra Furia Joven, mentres que o sábado estará marcado pola actuación da banda de gaitas e o grupo de baile Os Castros de Ames durante a sesión vermú, e o grupo Arena e Disco Glass pola noite. O domingo, como punto e final das festas, actuará a orquestra Los Españoles.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925