Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Uns 450 padexeiros e...


Uns 450 padexeiros e padexeiras participarán este sábado no XXXIII Descenso do Tambre de piragüismo de Ames

[10-08-2018] A praia fluvial de Tapia acolle este sábado, 11 de agosto, a XXXIII edición do descenso do Tambre. Arredor de 450 padexeiros e padexeiras de clubs de toda Galicia xuntaranse na tradicional baixada do Tambre. O Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, xunto co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo, organizan esta competición que chega a súa trixésimo terceira edición. A proba de descenso, que ten un percorrido de 5.400 metros de distancia, realizarase ás 12:30 horas, mentres que a proba de circuíto na que participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil desenvolverase a partir das 16:00 horas na praia fluvial de Tapia. As embarcacións que participarán nesta proba son K-1 e C-1.

Como xa ven ocorrendo dende hai trinta e tres anos, este sábado 11 de agosto terá lugar unha nova edición do Descenso do Tambre no concello de Ames, que organiza o Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, en colaboración co Concello de Ames e maila Federación Galega de Piragüismo. A proba está dividida en dúas partes: en primeiro lugar, ás 12:30 horas realizarase o descenso do Tambre, que ten unha distancia de 5.400 metros entre Portomouro (Val do Dubra) e a praia fluvial de Tapia (Ames), e as 16.00 horas terá lugar o circuíto, no que participarán as categorías benxamín, alevín e infantil.

Nesta edición participarán unhas 450 persoas, das que 50 serán deportistas do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre, 15 na proba de descenso e 35 no circuíto. En canto ás categorías, no descenso do Tambre participarán padexeiros/as correspondentes ás categorías kaiak home (veterano, sénior, xuvenil e cadete), kaiak muller (sénior, xuvenil e cadete) e canoa home (sénior, xuvenil e cadete). A partir das 16:00 horas desenvolverase a segunda parte do evento. Na proba de circuíto, que se realizará na propia praia fluvial de Tapia, poderán participan rapaces e rapazas das categorías benxamín, alevín e infantil con embarcacións K-1 e C-1. O devandito circuíto contará cunha distancia dun quilómetro e medio.

Unha vez finalizado o descenso do Tambre, farase entrega de premios ás categoría kaiak home, kaiak muller e canoa home, prevista para as 14.00 horas. A entrega de premios correspondente ao circuíto celebrarase a partir das 20.00 horas. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A proba está aberta a todos os clubs de piragüismo e seccións de piragüismo de entidades deportivas de toda España. A xornada rematará despois dos pinchos, que se ofrecerán aos participantes e os seus acompañantes.

Para poder competir, os padexeiros deben estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2018 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Para poder competir, os padexeiros deberán estar en posesión da licencia federativa debidamente actualizada para a tempada 2018 e será de uso obrigatorio o chaleco salvavidas para todos os participantes. Cada club puido inscribir en cada proba o número de embarcacións e padexeiros/as que consideraron oportuno, sen límites.

Recollida de dorsais

En canto á recollida de dorsais, para o descenso realizarase entre as 11.00 e as 12.00 horas nas instalacións da praia fluvial, mentres que a recollida para o circuíto producirase entre as 14.30 e as 15.30 horas.

Para máis información pódense poñer en contacto co Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre chamando aos número se teléfono 625 398 575 ou enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodeames.gal. Outra opción é poñerse en contacto coa Federación Galega de Piragüismo a través do número de teléfono 986 84 21 06 ou no enderezo electrónico kayak-canoa@fegapi.org.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925