Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames ultima o...


Ames ultima o borrador do Regulamento de Participación cidadá

[17-08-2018] O Concello de Ames leva elaborando, ao longo dos meses de xullo e agosto, o regulamento de Participación cidadá. A intención do goberno local é deixar aprobada esta normativa antes de finalizar a lexislatura, tal e como se comprometera ao inicio da mesma. Para o goberno este regulamento é básico e complementaría o xa aprobado ao inicio do mandato sobre a organización dos plenos. Durante o pasado mes de xullo, o grupo de goberno trasladou un primeiro borrador aos grupos municipais da corporación de cara a manter unha xuntanza de traballo, que se desenvolveu o día 18 do pasado mes no Salón de Plenos da Casa do Concello.

Os grupos municipais de PP, PSdeG, Ames Novo, Contigo Pódese e BNG mantiveron unha xuntanza xunto á secretaria do Concello onde se foron detallando as diferentes propostas en cada un dos artigos. Anteriormente, Pacto por Ames, Ames Novo e o concelleiro non adscrito remitiran por escrito diferentes apuntes ao borrador presentado polo goberno, do mesmo xeito que o grupo municipal do PP presentaba un documento paralelo de regulamento. Despois desa xuntanza, o borrador do regulamento quedou prácticamente pechado para unha revisión final dos diferentes grupos.

O borrador do Regulamento de Participación Cidadá recolle 36 artigos divididos en catro títulos para regular en base ás disposicións xerais, os dereitos da cidadanía, os órganos de participación cidadá e o tecido asociativo. O borrador, que conta co consenso das forzas participantes na xuntanza celebrada o pasado mes de xullo, describe os dereitos da cidadanía á participación, ao acceso á información, así como o dereito a súa participación nas sesións plenarias ou de presentación de queixas, suxestións ou reclamacións, coa posta en marcha dunha comisión especial. Ademais, regularase a iniciativa popular así como os órganos de participación a partir da Asamblea de participación cidadá, as asambleas territoriais e os Consellos sectoriais, como os xa existentes de deportes, comunicación ou escolar que se puxeron en marcha nesta última lexislatura.

Borrador definitivo

Na actualidade, as diferentes forzas políticas presentaron as súas consideracións finais para ser analizadas de cara a contar no mes de setembro co borrador definitivo para ser presentado á cidadanía. A presentación do novo regulamento de participación será nas Casas de Cultura de Milladoiro e Bertamiráns os días 10 e 11 de setembro, en dúas xuntanzas abertas á cidadanía en xeral e ao tecido asociativo. O obxectivo será dar a coñecer os pormenores do regulamento de cara a que a veciñanza e colectivos teñan a información de primeira man. O regulamento será exposto o día 10 no Milladoiro na Casa de Cultura e o día seguinte en Bertamiráns, tamén na Casa de Cultura, en horario de tarde.

Unha vez presentado someterase a exposición pública para as aportacións que se consideren oportunas, antes de ser levado a aprobación no pleno correspondente. Dende o Concello agardan poder ter aprobado xa no mes de Outubro este novo regulamento que, conxuntamente co de Organización e Funcionamento municipal aprobado ao inicio da lexislatura, permita ter estruturada e organizada a participación da veciñanza na vida diaria municipal, e así dar cumprimento ao compromiso acadado na investidura.

Para o alcalde de Ames, José Miñones "é de agradecer o traballo dos grupos da oposición e goberno para acadar un documento final consensuado que esperamos que no mes de outubro podamos ter aprobado en pleno".

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925