Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames celebra o...


Ames celebra o Día Internacional das Persoas Xordas con un curso gratuíto de linguaxe de signos

[28-09-2018] Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional das Persoas Xordas, que se celebra o último domingo de setembro, aínda que este ano a manifestación central farase este sábado 29, o Concello de Ames, mediante a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, organiza un curso de linguaxe de signos os días 15, 17 e 22 de outubro. As inscricións para participar nesta actividade, que é gratuíta, poden realizarse acudindo á Oficina de Servizos Sociais do Milladoiro, ou a través dos teléfonos 981 535 941 ou 981 890 964.

No ano 1958, a Federación Mundial de Xordos (WFD) impulsou a celebración do Día Internacional das Persoas Xordas o último domingo de setembro, data coa que se buscaba visibilizar os problemas e as necesidades das persoas que sofren perda auditiva, concienciar sobre a súa situación na sociedade, e reivindicar a súa lingua e heteroxeneidade.

Con estes obxectivos presentes, o Concello de Ames, mediante a Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, e en colaboración coa Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, únese á conmemoración deste día coa realización dun curso de linguaxe de signos española gratuíto os días 15, 17 e 22 de outubro. A actividade impartirase no Local de Jupemi no Milladoiro, en horario de 16.30 a 20.30 horas o luns 15, mentres que o mércores 17 e o luns 22 de outubro será de 16.30 a 19.30 horas.

Para participar nesta iniciativa, é necesario inscribirse acudindo á Oficina de Servizos Sociais do Milladoiro, ou a través dos teléfonos 981 535 941 ou 981 890 964.

As reivindicacións da comunidade de persoas xordas

Con esta iniciativa, o Concello de Ames busca aportar o seu gran de area para darlle visibilidade ás reivindicacións dunha parte importante da sociedade que, a pesares de encontrarse integrada en tódolos ámbitos da vida, se segue encontrando problemas derivados do descoñecemento e os prexuízos.

Así, se ben esta é unha data para que milleiros de persoas xordas, familiares e amigos se mobilicen e reivindiquen os seus dereitos e celebren a lingua de signos, a diversidade, a unidade asociativa e a súa cultura, tamén é o momento para esixir a construción dunha sociedade na que prevaleza a igualdade de oportunidades e a non discriminación nos ámbitos social, laboral, educativo... O que supón, entre outras cousas, a garantía do acceso a un emprego digno e maior facilidade para a adquisición e mantemento de axudas técnicas e próteses auditivas.

Asemade, reivindicase tamén que a lingua de signos deixe de ser minoritaria, para o que se solicita a súa incorporación na Constitución e na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias, o que facilitará o respecto dos dereitos lingüísticos da comunidade usuaria de lingua de signos. Neste mesmo sentido, tamén se solicita a declaración desta lingua como ben de patrimonio cultural inmaterial do noso país, o que facilitaría a súa presencia en condicións de calidade na escola, o instituto e a universidade, nos centros de traballo, na sanidade, nos servizos de atención públicos e privados e nos de emerxencias, en actividades artísticas, culturais e de lecer, nos medios de comunicación, na vida política e social, en comisarías, xulgados e casas de acollida.

Sen embargo, é importante seguir incidindo na importancia dunha detección precoz, diagnóstico e tratamento audioprotésico e logopédico adecuado, dentro da súa heteroxeneidade, para evitar e/ou minimizar importantes alteracións relacionadas ca linguaxe e o pensamento.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925