Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O ciclo de...


O ciclo de ofimática, os cursos para menores e os seminarios sobre o smarthphone serán as principais iniciativas da Aula CeMIT durante os meses de outubro e novembro

[29-09-2018] Durante os meses de outubro e novembro, a Aula CeMIT ten programada unha extensa lista de actividades dirixidas a todas as idades. O mes de outubro comezará con tres cursos sobre mecanografía e informática dirixidos ás nenas e nenos, e continuará co ciclo de ofimática e con varios seminarios online sobre o smartphone, que se estenderán ata novembro. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A Aula CeMIT de Bertamiráns dará comezo ao mes de outubro con tres cursos destinados aos máis pequenos da casa. Realizaranse dous cursos de mecanografía entre os días 2 de outubro e 18 de decembro, e un de informática do 4 de outubro ao 20 de decembro. Así, en canto aos cursos de mecanografía, por un lado celebrarase un destinado a nenos e nenas menores de dez anos, en horario de 18.15 a 19.00 horas, a través do que se busca que os máis pequenos se acheguen ao ordenador mediante a mecanografía, evitando así que adquiran malos hábitos durante a escritura. Por outro lado, de 19.00 a 19.45 horas, impartirase este mesmo curso orientado a mozos/as maiores de 10 anos, máis enfocado no emprego e desenrolo de aptitudes referentes á mecanografía, que lles axudarán na elaboración de traballos do colexio e instituto.

Introdución á Informática para menores de 10 anos será o curso que se levará a cabo todos os xoves, do 4 de outubro ao 20 de decembro, en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, buscarase que as rapazas e rapaces que non teñen experiencia no uso do ordenador se familiaricen co sistema operativo, o procesador de textos e o uso de Internet. Os nenos e nenas que queiran matricularse en calquera destes cursos, deberán estar rexistrados na Aula CeMIT con antelación.

Ciclo de ofimática

O ciclo de ofimática comezou en setembro con un primeiro curso enfocado no procesador de textos LibreOffice Writer que, ao igual que o resto de cursos que forman o ciclo, non só estivo destinado a aquelas persoas que queiran superar as probas CODIX, senón tamén para aqueles que precisen estas ferramentas na súa vida diaria ou sintan inquedanza por ter un bo manexo delas.

O ciclo continuará así co obradoiro LibreOffice Writter II, no que se dará un paso máis, para afondar no manexo deste programa coa utilización de ferramentas máis avanzadas, e impartirase do 8 ao 17 de outubro, tamén luns e mércores, en horario de 18.15 a 19.45 horas.

LibreOffice Calc I
é o nome do terceiro dos cursos deste ciclo, que se celebrará do 22 ao 31 de outubro, e que xirará arredor das follas de cálculo, o seu formato e o manexo básico das súas fórmulas. O afondamento no manexo desta parte do paquete Office libre realizarase no LibreOffice Calc II, entre os días 5 e 14 de novembro.

Por último, tamén se realizará o curso LibreOffice Impress, cuxo obxectivo é introducir e profundar aos usuarios no manexo, neste caso, das presentacións de LibreOffice entre os días 19 e 28 de setembro. Calquera dos cinco cursos do ciclo celebraranse os luns e mércores en horario de 18.15 a 19.45 horas.

Seminarios online sobre o smartphone
Neste mes de outubro completarase o programa de seminarios online sobre o uso do teléfono móbil. Estes obradoiros, realizados por Ágora Tecnoloxía en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), consisten nun grupo de cinco talleres dos que dous xa foron impartidos en setembro.

Así, os tres que se realizarán este mes serán Fotografía co teu teléfono intelixente, que se impartirá o 15 de outubro entre as 10.30 e as 12.00 horas, seguido do obradoiro Facebook, o mércores 24 de outubro no mesmo horario. Apps para adestrar a túa memoria será o seminario que pechará este ciclo temático o día 31 de outubro, de 10.30 a 12.00 horas.

Cursos para adultos

Do 16 ao 25 de outubro impartirase o curso para adultos Administración electrónica: introdución ás súas posibilidades. Estará adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, pasando por sistemas de identificación máis sinxelos coma cl@ve ou chave365. Do mesmo xeito, os usuarios tamén poderán familiarizarse coa sede electrónica do Concello de Ames e a servizos como eSaúde.

Exame EMA

No mes de outubro tamén se realizará un exame EMA, que consiste nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, realizarase o venres, 19 de outubro, entre as 12.00 e as 13.00 horas.

Tramitación das inscricións

Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925