Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O 92% das familias...


O 92% das familias enquisadas mostran estar moi satisfeitas co servizo municipal de comedores escolares

[02-10-2018] O goberno municipal informou á comunidade educativa dos resultados da enquisa realizada no mes de xuño ás familias usuarias dos comedores escolares. A valoración acada 4,53 puntos sobre 5 puntos. Recibíronse un total de 545 enquisas realizadas a 883 familias nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. A realización de ditas enquisas é parte do traballo que se está realizando para a elaboración dun estudo máis extenso, co obxectivo de analizar o perfil socioeconómico e laboral das familias usuarias dos comedores escolares municipais, así como para coñecer a valoración deste servizo. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o informe no que se recolle o resultado das enquisas.

No pleno extraordinario do Consello Escolar Municipal de Ames celebrado o pasado 15 de maio, acordouse elaborar un estudo de perfís socioeconómicos e laborais das familias usuarias dos comedores escolares municipais, co obxectivo de revisar, sobre a base de datos reais e información detallada, o regulamento dos comedores escolares, dos programa lúdicos (Entroido, Primavera, Xuño, Setembro e Nadal), así como da Escola de Verán de cara aos próximos cursos.

O devandito estudo está en fase de elaboración, pero xa se poden adiantar algúns datos do traballo que se leva feito. Deste xeito, o goberno municipal vén de trasladarlle á comunidade educativa o resultado das enquisas feitas ás familias usuarias do servizo de comedores para coñecer a súa valoración de dito servizo. Trátase dun estudo que está sendo elaborado polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago de Compostela, que xa realizou o mapa de necesidades educativas do Concello de Ames.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, destacou que “o anterior estudo de necesidades de escolarización serviu para a planificación de novos equipamentos educativos. Dende o Concello considérase fundamental coñecer o perfil socioeconómico e familiar de necesidades dos/as usuarios/as dos comedores escolares para reflexionar sobre o modelo de xestión e para modificar o regulamento do servizo”.

O 96% das familias considérano un servizo de conciliación
En canto á composición dos fogares, a metade das familias consultadas (o 55%) están compostas por catro membros. As familias cun único fillo representan o 35% e un 8% teñen tres ou máis fillos. As familias nas que traballan os dous cónxuxes representan o 84,5% das familias usuarias da Rede de comedores, que demostran ter unha necesidade importante para a conciliación da vida laboral e familiar.

Un 80% das familias usuarias teñen horario de traballo incompatible co horario lectivo, ao traballar pola mañá con saída entre as 14:00 e as 16:00h, con xornada partida ou horario variable. Un 96% das familias enquisadas consideran que os comedores escolares deben ser un servizo de conciliación da vida laboral e familiar.

O servizo acada unha nota de 4,53 sobre 5 puntos
A valoración do servizo acada unha nota de 4,53 puntos de 5 puntos. En termos porcentuais un 92% das familias enquisadas manifesta estar moi satisfeitos, dos cales máis da metade considéranse completamente satisfeitos. Só un 2% dos enquisados manifesta estar insatisfeitos. Un 10% das familias enquisadas indicaron observacións ou comentarios. Entre as elas destacan aquelas que consideran o servizo como esencial e imprescindible para compatibilizar traballo e colexio.

A enquisa forma parte do contido do Estudo Analítico do perfil socioeconómico e laboral das familias usuarias da Rede que está a desenvolver a Universidade de Santiago de Compostela por acordo do Consello Escolar Municipal de Ames, para un mellor coñecemento do servizo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925