Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A asociación...


A asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro organiza o V Certame de Fotografía Comercial-Empresarial

[03-10-2018] A asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro organiza unha nova edición do seu concurso fotográfico, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, a asociación de pequenos comerciantes Palmira Bulebar e a asociación de comerciantes de Bertamiráns. A temática do concurso xirará en torno ao propio parque e a visión da empresa actual, sobre a que se poderá enviar unha imaxe por participante, coa que se axuntará o título da obra e os datos persoais do autor/a. A data límite de envío é o 30 de outubro, xa que o 20 de decembro daranse a coñecer os nomes das persoas gañadoras nunha gala que se celebrará no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro.

A través do V Certame de Fotografía Comercial-Empresarial, a asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro busca compartir imaxes de calidade, creando unha estética das construcións eminentemente funcionais, que están situadas no parque empresarial do Milladoiro. As fotografías, que deberán xirar arredor dunha temática eminentemente comercial e empresarial, poderán ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, sempre que prime un enfoque comercial da fotografía. Así, o concurso está aberto a todas as persoas que o desexen, con independencia do seu lugar de orixe e sen límite de idade, aínda que os mozos e mozas menores de 18 anos incluiranse directamente na categoría xuvenil-infantil.

Para participar neste certame, que é de inscrición gratuíta, cada participante enviará unha fotografía, orixinal e inédita, que poderá estar realizada con calquera técnica fotográfica, ben sexa en cor ou en branco e negro. As obras presentadas poden ser das instalacións, incluída a fachada da nave, do equipo humano, dos produtos, dos eventos ou de calquera actividade económica que as empresas realicen na súa localización.

As obras poderán ser realizadas con calquera tipo de técnica e estilo, sempre que prime o enfoque comercial da fotografía, posto que o obxectivo será crear unha estética do parque empresarial Novo Milladoiro ou das actividades económicas que alí se desenvolven. Así, estarán inscritas no campo do fotodocumentalismo, fotoxornalismo ou reportaxe en xeral. Tan só deberán adaptarse á temática económica, e serán realizadas dentro do termo xeográfico do polígono do Milladoiro, valorándose especialmente as obras que reflictan os elementos más representativos e identificables das empresas.

Dende a asociación de empresarios do parque empresarial Novo Milladoiro explican que o que os impulsou a organizar este certame fotográfico, en colaboración coa Concellaría de Promoción Económica e Turismo, que xa vai pola súa quinta edición, foi que “o posicionamento estratéxico das firmas do parque empresarial Novo Milladoiro fai que o modelo de negocio establecido requira de accións destinadas a difusión mediática”, polo que, “tendo constancia do valor que posúe a imaxe para a empresa, a súa marca ou produto, a AEPEM non cesa no empeño de poñer ó servizo do colectivo de empresas as distintas formas de promoción comercial que se comprometen co prestixio da zona”. Así, a través do certame tamén quixeron “compartir coa sociedade as diferentes ópticas coa que se pode ver una zona de traballo e á súa vez gozar das que os demais propoñen”.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, considera que “accións deste tipo axudan a dinamizar, potenciar, e divulgar a ampla e variada oferta empresarial e comercial do concello de Ames. Por esta razón colaboramos e apoiamos economicamente as actividades postas en marcha polas diferentes asociacións de empresarios e comerciantes rexistradas no noso concello”.

Envío de fotografías ata o 30 de outubro
As bases do certame limitan as obras dos participantes a unha fotografía por persoa, que deberá ser enviada xunto co título da obra e os datos persoais do participante á dirección de correo electrónico: certamefotografico@aenovomilladoiro.com. Ademais, é imprescindible que as fotografías enviadas vaian identificadas cos datos do autor/a: nome, apelidos, data de nacemento, número de carné de identidade, dirección e teléfono de contacto (preferiblemente móbil). O prazo de presentación de fotografías estará aberto ata o 30 de outubro do 2018. Para máis información pódese entrar na páxina web: http://www.aenovomilladoiro.com/noticia/v-certame-de-fotograf%C3%ADa-comercial-parque-empresarial-de-o-milladoiro-3787.html

Asemade, entre o 20 de novembro e o 28 de decembro realizarase unha exposición na Casa de Cultura do Milladoiro. No caso en que o número de obras presentadas sexa superior a 60 na categoría de adultos e 40 na categoría infantil, o xurado elixirá as que se expoñen, debido á limitación da sala de exposicións.

O concurso dividirase en dúas categorías: adultos para maiores de 18 anos e xuvenil-infantil para menores de 18 anos. Na categoría de adultos repartiranse tres premios: o primeiro premio será de 300 euros, o segundo de 200 euros e o terceiro de 100 euros, ademais dun diploma acreditativo que se entregará a cada participante. Na categoría xuvenil-infantil, pola súa banda, repartiranse vales para material fotográfico por valor de 75, 50 e 40 euros, dependendo do posto no que se quede, máis un diploma acreditativo.

O certame rematará coa gala de entrega de premios, que se celebrará o venres, 20 de decembro, ás 20:30 horas, no salón de actos da Casa de Cultura do Milladoiro.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925