Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Abre o prazo de...


Abre o prazo de inscrición para o curso de primeiros auxilios organizado pola OMIX

[08-10-2018] A Concellaría de Mocidade, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), oferta un novo curso gratuíto de primeiros auxilios, que se impartirá todos os martes e xoves, do 30 de outubro ao 27 de novembro. A actividade, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, en horario de 20.00 a 22.30 horas, está dirixida a persoas maiores de 16 anos e conta con un número de prazas limitadas que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición remata o vindeiro 19 de outubro. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a ficha de inscrición.

Segundo datos da Sociedade Española de Medicina de Urxencias e Emerxencias, un de cada tres españois non se sinte coa confianza suficiente para prestar os primeiros auxilios, e só un 18% sabe que facer ante un accidente doméstico, viario ou unha situación de emerxencia. Sen embargo, estes primeiros momentos poden resultar vitais nestas situacións.

Así, co obxectivo de colaborar para mudar estes datos, a Concellaría de Mocidade continúa coa súa aposta pola formación das mozas e mozos do concello coa organización dun novo curso de primeiros auxilios, a través do que se busca instruír aos asistentes nunha serie de actuacións e técnicas que lles permitan asistir de forma inmediata en certos accidentes, co obxectivo de que as lesións non empeoren mentres non chega a asistencia médica profesional.

Durante vinte horas, ensinaránselle aos participantes contidos como o mantemento do soporte vital básico, a inmobilización de persoas enfermas ou feridas, e como intervir fronte feridas, contusións, queimaduras ou traumatismos. Desta maneira, búscase que os alumnos e alumnas saian desta formación coñecendo os fundamentos básicos dos primeiros auxilios, como aplicar as técnicas de reanimación cardiopulmonar cando sexa necesario, a mobilizar de maneira correcta a unha persoa ferida ou enferma e as técnicas básicas para poder actuar ante persoas con hemorraxias, feridas, queimaduras ou con traumatismos.

Para acadar estes obxectivos, seguirase unha metodoloxía baseada na adquisición de habilidades mediante o coñecemento de aspectos teóricos e a súa posta en práctica. Desta maneira, pretendese ofrecerlle aos alumnos unha acción formativa encamiñada a proporcionar os coñecementos, habilidades e actitudes que conforman as competencias básicas necesarias para realizar intervencións en primeiros auxilios en caso de accidente ou enfermidade.

O curso realizarase entre o 30 de outubro e o 27 de novembro, na Casa da Cultura do Milladoiro, todos os martes e xoves en horario de 20.00 a 22.30 horas. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán estar empadroadas no Concello de Ames e ter máis de 16 anos. Así mesmo, terán preferencia á hora de cubrir as prazas as mozas e mozos que se atopen entre os 16 e os 30 anos, aínda que, de non cubrirse as 20 prazas dispoñibles, poderán acceder a esta actividade persoas empadroadas de máis de 30 anos e persoas non empadroadas de calquera idade, por este orde de prioridade.

Tramitación das inscricións

Para realizar a inscrición será necesario enviar a ficha de inscrición debidamente cumprimentada, ao enderezo de correo electrónico omix@concellodeames.gal ou entregala persoalmente na propia Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) xunto cunha fotocopia do DNI. As prazas iranse cubrindo por rigorosa orde de chegada. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de outubro. Para obter máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa OMIX de Ames a través do teléfono 616 083 229 ou do correo electrónico omix@concellodeames.gal.

O curso será de balde para o alumnado admitido, que ao rematar a formación recibirá un diploma acreditativo de ter superado con éxito o curso. Ademais, esta formación é imprescindible para perfís profesionais que desenvolven a súa actividade con todo tipo de colectivos, estendéndose a súa aplicabilidade a diferentes contextos como o lecer e o tempo libre, o sanitario ou o deportivo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925