Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas 20 persoas participan...


20 persoas participan nos obradoiros “En galego, co teu acento” que se imparte en Bertamiráns

[12-10-2018] Dende o pasado 1 de outubro un grupo de 20 persoas está a participar nos obradoiros de lingua e cultura “En galego, co teu acento!” que se desenvolven no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Trátase dunha actividade gratuíta de 30 horas de duración que se desenvolve de luns a venres. A través desta actividade, dirixida a persoas de fóra de Galicia, preténdese que os/as participantes adquiran nocións básicas de lingua e cultura galegas para contribuír á súa integración. Este mesmo obradoiro vaise a realizar na Casa da Cultura do Milladoiro durante o mes de novembro. Aínda quedan prazas dispoñibles para inscribirse no obradoiro do Milladoiro.

Como cada curso o departamento de Normalización Lingüística e os Servizos Sociais de Ames ofrecen o obradoiro de lingua e cultura “En galego, co teu acento”. Esta actividade, completamente de balde, consiste nunha formación de 30 horas repartidas en 20 días e está dirixida a todos os veciños e veciñas que chegan a Ames procedentes de fóra de Galicia. En Bertamiráns o curso impártese no mes de outubro no Pazo da Peregrina.

Un grupo de 20 participantes de Venezuela, Brasil, Arxentina, Cuba e Portugal acoden cada mañá, dende o pasado 1 de outubro, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns. En horario de 9:30 a 11:00 horas conversan, len, comparten información e coñecen un pouco máis a lingua e a cultura de Galicia, e, máis concretamente, do concello onde viven. As aulas transcorren baixo a guía dun técnico de Normalización Lingüística, Xian Naya. O curso é sobre todo práctico e pretende achegarlles ferramentas e recursos que pouco a pouco lles permitan desenvolverse con normalidade en lingua galega.

Os coñecementos adquírense mediante o traballo en equipo, e as aulas están abertas a proposicións por parte das persoas asistentes. Este mesmo obradoiro vaise realizar na Casa da Cultura do Milladoiro do día 5 ao 30 de novembro. Aínda quedan prazas dispoñibles para inscribirse no obradoiro do Milladoiro. Todo o alumnado que asista, como mínimo, ao 90% das sesións recibirá un diploma acreditativo.

Os obradoiros “En galego, co teu acento” de achegamento á lingua e á cultura galegas desenvólvense en Ames desde hai xa 14 anos e, ademais de serviren de toma de contacto co país ao que se chega, funcionan como un espazo de socialización, acollemento e convivencia. Pretenden asemade poñer en valor a diversidade e a multiculturalidade que agocha este concello, que na actualidade conta con persoas de 65 nacionalidades procedentes dos cinco continentes e cunhas 40 linguas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925