Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O día 17 de...


O día 17 de outubro a UCGAL impartirá unha xornada informativa sobre as novidades da factura eléctrica

[11-10-2018] O vindeiro mércores, 17 de outubro, a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e a Concellaría de Promoción Económica organizan unha xornada informativa sobre as novidades da factura eléctrica (bono social, como aforrar na túa factura, o mercado regulado e o libre, a discriminación horaria, etc.). Será, ás 19.30 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello. O obxectivo deste taller é despexar as dúbidas que a veciñanza amesá poida ter nesta materia.

A xornada informativa As novidades da factura eléctrica está centrada na identificación, esclarecemento e coñecemento dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias no sector eléctrico, así como nos datos esenciais da factura eléctrica. Nesta charla-coloquio, tamén se proporcionará información que permita obter un aforro na factura da luz, coñecer as novas condicións para beneficiarse do bono social, como aforrar na túa factura, o mercado regulado e o libre, a discriminación horaria, etc.

O obxectivo desta actividade é ofrecerlle á veciñanza amesá información que a axude a despexar as dúbidas que poida ter nesta materia, a través do entendemento dos mecanismos de funcionamento do sector eléctrico. A xornada informativa celebrarase o vindeiro mércores, 17 de outubro, ás 19.30 horas, no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns.

Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor deste servizo que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.

Deste xeito, os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, anima aos veciños e veciñas a que se acheguen á Casa do Concello o próximo mércores, 17 de outubro, para poder consultar e resolver as súas dúbidas ante as últimas novidades da factura da luz e o bono social.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925