Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames realízalle unha recepción ao Club de voleibol Bruxas

[12-10-2018] Este pasado mércores, 10 de outubro, o alcalde de Ames, José Miñones, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e da Corporación municipal recibiron a un grupo de 10 rapazas do club de voleibol Bruxas, que forman parte do equipo de primeira división autonómica feminino, así como ao seu adestrador e ao presidente do club, Fernando Lizuain. O Concello de Ames está realizando unha serie de recepcións a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.

O rexedor municipal e os concelleiros/as do grupo de goberno e da Corporación municipal, puideron coñecer de primeira man os éxitos acadados por este club amesán durante os últimos anos. Ademais, as integrantes do equipo de primeira división autonómica feminino, asinaron no libro de sinaturas do Concello de Ames. A recepción realizouse no salón de plenos, para de seguido, baixar á entrada da Casa do Concello onde fixeron unha foto de grupo.

Os membros da Corporación municipal agasallaron as rapazas, ao adestrador e ao presidente cun pin, un libro de fotos do Concello e un prato coa “A” de Ames feito pola artesá amesá, Ana Rosa Lista. Neste acto participaron un grupo de 10 rapazas do club de voleibol Bruxas, que forman parte do equipo de primeira división autonómica feminino, así como ao seu adestrador e ao presidente do club, Fernando Lizuain.

O CV Bruxas conta conta cun total de 9 equipos. Dous deles son de categoría sénior (o feminino compite na primeira división autonómica, mentres o masculino milita na Superliga 2, que é a división de prata a nivel nacional). Hai tres equipos de categoría xuvenil (dous femininos, un deles está na primeira división autonómica e outro en segunda, e un masculino que está na primeira división autonómica). Asemade, o CV Bruxas ten un equipo cadete, un equipo infantil, un alevín e outro benxamín.

O equipo de primeira división autonómica feminino, máxima categoría autonómica, xogou a final a catro do campionato galego nas últimas tres tempadas, competindo cos equipos máis fortes de Galicia. Na tempada pasada 2017/2018 quedaron campioas da liga regular con só un partido perdido e terceiras na final a catro. Na tempada 2016/2017 quedaron segundas na liga regular e terceiras na final a catro. Cómpre destacar a mocidade deste equipo, que a pesar de xogar categoría sénior, as integrantes do equipo do CV Bruxas son maioritariamente de categoría xuvenil. O CV Bruxas comeza a competir na Superliga 2
Asemade, o equipo masculino sénior comeza este sábado a competir na Superliga 2, que é a división de prata a nivel nacional. O primeira partido disputarase este sábado, 13 de outubro, ás 20.00 horas, no pavillón de Bertamiráns, ante o Club voleibol Dumbría.

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou os éxitos deportivos conseguidos por estas rapazas que “están xogando na máxima categoría galega de voleibol e competindo contra clubs que teñen moito máis presuposto. Nas últimas tres temporadas conseguistes disputar a fase final do campionato galego, algo que non é nada doado, e ademais, na pasada temporada fustes campioas na fase regular. Sodes un exemplo para as rapazas e rapaces que compiten nas categorías de base do Club Voleibol Bruxas”.

Por outra banda, o presidente do CV Bruxas, Fernando Lizuain, agradeceulle a Corporación municipal a execución das obras para a instalación dun novo pavimento de madeira, máis axeitado para a alta competición e que permitirá mellorar a saúde das rapazas e rapaces do Club Voleibol Bruxas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925