Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Pleno aproba a...


O Pleno aproba a modificación do anexo de investimentos do Orzamento 2018 para executar obras por valor de 396.184 euros

[11-10-2018] Este mércores, 10 de outubro, celebrouse un pleno extraordinario para tratar varios temas de índole económico. A Corporación municipal aprobou o suplemento de crédito 2/2018, de 214.188,37 euros, para executar 6 proxecto de pavimentación de rúas e camiños, así como para a mellora dun parque infantil do Milladoiro. Tamén se aprobou a transferencia de crédito 10/2018, por valor de 75.000 euros, para realizar 10 obras incluídas nos Orzamentos Participativos de 2018. Por último, aprobouse a modificación do anexo de investimentos do Orzamento de 2018, para recoller 20 actuacións, que se executarán con cargo á partida orzamentaria de Orzamentos Participativos, e 6 que se sufragarán con cargo ao superávit do 2017.

O primeiro punto aprobado foi o suplemento de crédito 2/2018. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de Pacto por Ames. Os/as edís de Ames Novo abstivéronse. Deste xeito, aprobouse a aplicación do superávit do exercicio 2017, integrado no remanente de tesourería para gastos xerais, a investimentos financeiramente sustentables, por valor de 214.184,92 euros. É a primeira vez que se destina unha contía do superávit a investimentos financeiramente sustentables.

Con dita contía, vanse executar os seguintes proxectos: pavimentación do acceso a Punxeiras Baixas, Ortoño (46.438,66 euros); pavimentación da rúa do Paraxó, en Bertamiráns, e do camiño Punxeiras Baixas-Condomiña, Ortoño (39.614,94 euros); pavimentación do acceso da AC-543 a Lamas, Ames (24.325,63 euros); pavimentación da rúa paralela a rúa do Rego, que está próxima ao Cuartel da Garda Civil, e acceso a Casanova (37.082,25 euros); pavimentación do acceso a Biduído de Arriba (47.877,74 euros); e substitución do chan do parque infantil de Estivada de Castelao, no Milladoiro (18.845,70 euros).

O segundo punto da orde do día, que neste caso aprobouse por unanimidade, tratou sobre a transferencia de crédito 10/2018, por valor de 75.000 euros, para realizar 10 obras incluídas nos Orzamentos Participativos de 2018. Unha vez definidas as actuacións no procedemento participativo é necesario dotar o crédito de aquelas actuacións, que deben ter reflexo orzamentario en áreas de gastos distintas ás que inicialmente se dotou o crédito. A necesidade de efectuar esta modificación é consecuencia do proceso de Orzamentos Participativos iniciado neste exercicio e que ao estar financiado con fondos propios as actuacións deben acometerse antes de que remate o 2018.

O terceiro e último punto da orde do día tamén saíu adiante por maioría absoluta, co voto a favor dos membros do goberno municipal e dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de Pacto por Ames. Ao igual que no primeiro punto, os/as edís de Ames Novo abstivéronse. Neste caso aprobouse a modificación do anexo de investimentos do orzamento de 2018. En dito anexo incluíase o proxecto denominado Orzamentos Participativos 2018. No momento da aprobación dos orzamentos, as actuacións non estaban concretadas, polo que é necesario modificar dito anexo para incluír os proxectos que foron aprobados pola Comisión de Orzamentos Participativos. Asemade, ao destinar o superávit do 2017 a investimentos financeiramente sostibles é necesario modificar o anexo de investimentos ao non atoparse as inversións previstas no orzamento municipal. Polo tanto, a presente modificación do anexo de investimentos 2018 comprende as inversións financeiramente sostibles co cargo o superávit 2017 e a identificación das actuacións dos Orzamentos Participativos 2018.

Deste xeito, aprobouse inicialmente o expediente de modificación do anexo de investimentos do vixente orzamento 2018, para incluír as actuacións que corresponden, nuns casos aos Orzamentos Participativos 2018 (unha vez definidos), por importe de 182.000,00 euros, e noutros á incorporación de investimentos financeiramente sustentables financiados co superávit 2017, por importe de 214.184,92 euros, o que fai un total de 396.184,92 euros. Actuacións incluídas nos Orzamentos Participativos
Na parroquia de Tapia realizarase a reparación de firme asfáltico no lugar de Vilouta, detrás da Igrexa, así como na estrada que une os lugares de Covas e Pousada. Tamén se van adquirir dous novos farois led; e procederase á colocación de tubos na marxe dereita da pista da Madalena, para ampliar a calzada. En Trasmonte abordarase a mellora do illamento térmico do local social.

Por outra banda, na parroquia de Bugallido repararase o pavimento no lugar de Firminstáns; e arranxarase o parque infantil en Guimaráns; mentres que en Covas repararase o firme asfáltico na estrada que une os lugares de Covas e Pousada; colocaranse uns taboleiros de anuncios nos lugares de Ventosa, Covas (local social), Loureiros e Lombao; e repararase o pavimento asfáltico no lugar da Igrexa. Na parroquia de Lens arranxarase e acondicionarase o centro sociocultural.

Asemade, na parroquia de Ortoño vaise reparar o firme asfáltico na estrada que une os lugares de Punxeiras Altas e As Cortes. En Piñeiro, executaranse tres proxectos. O primeiro, consistirá na reparación do pavimento de calzada no lugar de Fernande; o segundo, é o arranxo de cunetas en Balindo; e en terceiro lugar, procederase á colocación dun punto de luz. Na parroquia de Agrón vaise a mellorar a sinalización das aldeas, e colocaranse taboleiros informativos nas diferentes aldeas da parroquia.

Mellora do alumeado público e creación de anfiteatros
Nas parroquias de Ames, Biduído e da Ameixenda executaranse varias actuacións de mellora do alumeado público, que consisten na substitución de puntos de luz incandescente/vapor mercurio por luminarias LED. Deste xeito, na parroquia de Ames procederase ao cambio de iluminación LED en Oca, e repararase e cambiarase a luces LED dende Pedrouzos a Lamas. Na parroquia de Biduído vanse colocar luminarias LED na aldea Paramuiño, na pista de Ventín a Paramuíño e ao colexio, e na aldea de Raíces. Por último, na Ameixenda cambiarase a iluminación, para colocar luminarias led na estrada principal; así como se colocaran taboleiros de anuncios en todas as aldeas da parroquia.

Ademais, inclúense dous investimentos para a creación dun anfiteatro (onde se poidan organizar festas, teatro e cine ao aire libre) en Bertamiráns e outro no Milladoiro. Cada un destes dous proxecto conta cun orzamento de 25.000 euros (50.000 euros para a mocidade).

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925