Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames reúnese con membros da AGA co obxectivo de mellorar as áreas municipais de autocaravanas

[13-10-2018] O alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, e a técnica de Turismo, Sonia Moure, mantiveron unha xuntanza co presidente da Asociación Galega de Autocaravanas, Manuel Fernández Arruti, e co candidato a secretario de dita asociación na asamblea xeral que se celebrará o vindeiro 20 de outubro, Cesáreo González Rodríguez, que ademais é veciño de Ames. O goberno municipal ten a idea de cambiar a ubicación das dúas áreas que hai no concello para autocaravanas, unha en Bertamiráns e outra no Milladoiro, e, ao mesmo tempo, mellorar ditos espazos. Ames foi o segundo concello galego, despois de Tui, en crear as súas áreas de autocaravanas, e o primeiro en toda Galicia en dispor de dous espazos destinados a estes vehículos.

A Casa da Cultura do Milladoiro foi o lugar escollido polo goberno municipal para manter unha xuntanza coa directiva da Asociación Galega de Autocaravanas, co obxectivo de abordar o cambio de ubicación e a mellora das áreas de autocaravanas que existen no concello.

Actualmente existe unha área deste tipo no aparcadoiro da Casa da Cultura do Milladoiro, que vai ser trasladada ao aparcadoiro da rúa Agriños, fronte da Escola de educación infantil do Milladoiro. A idea é situar esta área ao final do aparcamento e reservar un espazo propio para estacionamento de entre 8 e 10 autocaravanas. Tamén se instalarán tomas de auga e espazos para o baleirado de augas fecais.

Por outra banda, en Bertamiráns, a área de autocaravanas está situada no aparcamento da rúa Pesqueiras, que está en fronte ao supermercado Carrefour. Neste caso dende o goberno municipal están barrallando varias opcións para trasladar esta área a outra ubicación. De momento, non está decidido cal será o lugar desta área na localidade de Bertamiráns. Deste xeito, crearíanse dúas áreas específicas de autocaravanas, xa que actualmente ditas áreas están en zonas de estacionamento, onde hai unha gran cantidade de persoas que estacionan os seus vehículos.

Ames, primeiro concello galego con dúas área de autocaravanas
Ames foi o segundo concello galego, despois de Tui, en crear as súas áreas de autocaravanas, e o primeiro en toda Galicia en dispor de dous espazos destinados a estes vehículos. Ditas áreas foron creadas no ano 2004.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destacou que “dende a creación das áreas de autocaravanas o Concello de Ames sempre tivo moi boa relación coa Asociación Galega de Autocaravanas e colaborou activamente con esta entidade en diversos proxectos. Na actualidade, estamos traballando para que nos próximos meses se poida organizar algunha iniciativa enfocada á promoción deste tipo de turismo”.

A Asociación Galega de Autocaravanas foi creada no ano 2006 e conta con 669 socios e socias. É unha das asociacións con maior número de socios/as a nivel nacional.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925