Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Comezan en Ames Radio...


Comezan en Ames Radio as gravacións dos programas de radio cidadá

[15-10-2018] Este luns, 15 de outubro, a radio municipal de Ames comeza a gravación dos espazos radiofónicos que, enmarcados na segunda convocatoria de programas de radio cidadá, realizará a veciñanza nos próximos meses. No total, son 17 os proxectos que formarán parte da grella radiofónica ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro. A emisión dos mesmos comezará a próxima semana. Neles, abordaranse temas tan diversos como a educación dos fillos e fillas, o patrimonio histórico e cultural do concello, a divulgación de coñecementos científicos, culturais e musicais, a materinidade ou a actividade empresarial de Ames. Asemade, os participantes da primeira convocatoria de programas de radio cidadá recibiron da man da concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, os diplomas acreditativos da súa experiencia en Ames Radio.

Dos 17 proxectos que terán cabida en Ames Radio, cinco repiten en relación á primeira convocatoria: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo e Pais na Onda. Doce son, polo tanto, as novas propostas que se presentaron nesta segunda convocatoria, con gran diversidade de temas como a ciencia, actualidade, tradición, arte, cultura ou saúde. Así, os programas que se incorporan á grella de emisión de Ames Radio serán, con carácter semanal, A arte como factor integrador, que achegará a Asociación Galega de Arte E Cultura, A Baranda, no que coñeceremos as vivencias e refelxións do colectivo de persoas con trastorno mental, E ti de quen ves sendo, a través do que Mónica Casas divulgará costumes e tradicións das diferentes culturas de Ames, Los tuyos, los míos y los nuestros, un programa sobre a inmigración conducido por Alejandra Marcano, e Amaltea, un espazo de divulgación científica con Javier Rocamora.

Asemade, cada quince días teremos unha cita con Ondas Novas, no que Eladio Gómez abordará entrevistas de interese, Un café coa túa matrona, co que Isabel Abel nos asesorará en temas relacionados coa saúde sexual e reprodutiva, Palabras que refrescan, un programa de autoaxuda con María Eugenia Muñoz, Parque empresarial do Milladoiro, conducido por Salomé Blanco para amosar as actividades das empresas do Polígono do Milladoiro, Que me estás a contar?!, un programa sobre a Biblia realizado polo Centro Cristiano do Milladoiro e Bertamiráns, O protocolo é para todos, con Margarita Murillo, e Con-Ciencia, un espazo de crecemento persoal, psicoloxía e sexualidade presentado por Lorena Boquete.

A emisión dos programas incluidos na segunda convocatoria de programas de radio cidadá comezará a próxima semana, a partir do luns 22 de outubro. Na sección de avisos da web municipal poderase consultar a programación de Ames Radio cada semana, cos diferentes horarios e días de emisión e reemisión dos diferentes espazos incluidos na grella de programación da emisora municipal.

Entrega de diplomas

Con motivo do comezo das gravacións desta segunda convocatoria de programas de radio cidadá, a concelleira de Comunicación e Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, entregou os diplomas que acreditan a realización dos diferentes espazos na súa primeira edición. O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu a recepción e entrega de diplomas aos participantes nesa convocatoria. Alí estaban, entre outros, algún dos integrantes de Diversidade (Javier Rocamora, Anna García Reig e Mertxe Álvarez) Contrapunto (Manuel Pazos Crespo) De museo (Rosa Martínez) Pais na Onda (Lely Vizoso e Julia Babarro) Miradas (Perla Blázquez) e Ames Network (Encarnación Elvira García Vilacoba).

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925