Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula CeMIT ofrece...


A Aula CeMIT ofrece novas actividades para os meses de outubro e novembro

[16-10-2018] Durante os meses de outubro e novembro, a Aula CeMIT ten programada unha extensa lista de actividades dirixidas a todas as idades. Durante o mes de outubro, realizaranse cursos de mecanografía e informática dirixidos ás nenas e nenos, continuarase co ciclo de ofimática, e realizaranse varios seminarios online sobre o smartphone, que se estenderán ata novembro. Para obter máis información ou para reservar praza nalgunha destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegándose á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamando ao número de teléfono 662 371 511 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A Aula CeMIT de Bertamiráns deu comezo ao mes de outubro con tres cursos destinados aos máis pequenos da casa, dous sobre mecanografía e un de informática. Así, en canto aos cursos de mecanografía, por un lado celebrarase un destinado a nenos e nenas menores de dez anos, en horario de 18.15 a 19.00 horas, mentres que ese mesmo curso, en horario de 19.00 a 19.45 horas, impartese orientado a mozos/as maiores de dez anos, máis enfocado no emprego e desenrolo de aptitudes referentes á mecanografía.

Introdución á Informática para menores de dez anos impártese todos os xoves, do 4 de outubro ao 20 de decembro, en horario de 18.15 a 19.45 horas. Nesta ocasión, buscase que as rapazas e rapaces que non teñen experiencia no uso do ordenador se familiaricen co sistema operativo, o procesador de textos e o uso de Internet. Se ben as prazas dos cursos de mecanografía para menores de dez anos e de informática xa están esgotadas, os interesados en participar poden apuntarse na lista de agarda, para optar ás prazas libres en caso de baixa dalgún dos anotados.

Ciclo de ofimática

O ciclo de ofimática comezou en setembro con un primeiro curso enfocado no procesador de textos LibreOffice Writer que, ao igual que o resto de cursos que forman o ciclo, non só estivo destinado a aquelas persoas que queiran superar as probas CODIX, senón tamén para aqueles que precisen estas ferramentas na súa vida diaria ou sintan inquedanza por ter un bo manexo delas.

O ciclo continua así co obradoiro LibreOffice Writter II, que se está impartindo do 8 ao 17 de outubro, tamén luns e mércores, en horario de 18.15 a 19.45 horas. LibreOffice Calc I é o nome do terceiro dos cursos deste ciclo, que se celebrará do 22 ao 31 de outubro, e que xirará arredor das follas de cálculo, o seu formato e o manexo básico das súas fórmulas. O afondamento no manexo desta parte do paquete Office libre realizarase no LibreOffice Calc II, entre os días 5 e 14 de novembro.

Por último, tamén se realizará o curso LibreOffice Impress, cuxo obxectivo é introducir e profundar aos usuarios no manexo, neste caso, das presentacións de LibreOffice entre os días 19 e 28 de setembro. Calquera dos cinco cursos do ciclo celebraranse os luns e mércores en horario de 18.15 a 19.45 horas.

Os interesados en matricularse nalgún destes cursos aínda está a tempo, aínda que para os cursos que xiran arredor da folla de cálculo, as prazas xa está esgotadas.

Seminarios online sobre o smartphone

Neste mes de outubro continuarase co programa de seminarios online sobre o uso do teléfono móbil. Estes obradoiros, realizados por Ágora Tecnoloxía en colaboración coa Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), consisten nun grupo de varios talleres dos que dous xa foron impartidos en setembro.

Así, os tres que se realizarán este mes serán Fotografía co teu teléfono intelixente, que se impartirá o 15 de outubro entre as 10.30 e as 12.00 horas, seguido do obradoiro Facebook, o mércores 24 de outubro no mesmo horario. Apps para adestrar a túa memoria será o seminario que pechará o mes o  31 de outubro, de 10.30 a 12.00 horas.

En novembro, pola súa parte, levaranse a cabo catro seminarios máis os mércores, en horario de 10.30 a 12.00 horas. Os temas sobre os que se traballará serán Wearables: reloxos intelixentes e como se empregan (7 de novembro), Apps móbiles para viaxar: gastronomía, lecer e cultura (o  día 14); Video dixital: crea e edita dende o teu móbil (21 novembro), Lectura dixital: bibliotecas e outros recursos online (28 de novembro).

O ciclo temático pecharase o mércores 12 de decembro, co obradoiro Como usar youtube, que tamén se impartirá en horario de 10.30 a 12.00 horas.

Cursos para adultos

Do 16 ao 25 de outubro impartirase o curso para adultos Administración electrónica: introdución ás súas posibilidades. Estará adicado ao descubrimento e familiarización coa Administración electrónica, dende o DNI electrónico ata os certificados dixitais, pasando por sistemas de identificación máis sinxelos coma cl@ve ou chave365. Do mesmo xeito, os usuarios tamén poderán familiarizarse coa sede electrónica do Concello de Ames e a servizos como eSaúde.

Asemade, todos os xoves entre o 6 e 22 de novembro, en horario de 10.30 a 12.00 horas, impartirase o curso Aprende a manexar o teu móbil intelixente, indicado para maiores ou xente pouco familiarizada coa informática e as novas tecnoloxías que queira introducirse neste mundo. Ademais, para finalizar novembro, tamén se realizará o curso Crea o teu blog, durante o que se guiará aos asistentes no proceso de creación dun blog persoal, pero que tamén pode servir como base para a creación dun blog profesional. Impartirase os días 23, 27, 29 e 30 de novembro, en horario de 10.30 a 12.00 horas.

Exame EMA

Nos meses de outubro e novembro tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, en horario de 12.00 a 13.00 horas, realizaranse estas probas o 19 de outubro e o 16 de novembro.

Tramitación das inscricións

Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.




Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925