Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames celebra o...


Ames celebra o Día da Ciencia en Galego cun relatorio sobre a mente e a linguaxe impartido polo experto en neurociencia Xurxo Mariño

[29-10-2018] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolle o vindeiro xoves, 8 de novembro, ás 20.00 horas, a charla As miñas linguas e máis eu. Esta iniciativa, que ofrecerá o divulgador científico e experto en neurociencia Xurxo Mariño, inscríbese dentro do programa Apego e xirará en torno á mente e a linguaxe, así como aos cambios que a mente humana experimenta coa aprendizaxe dunha lingua. Esta charla, organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames, está dirixida especialmente a familias con nenos/as de 0 a 6 anos ou futuros proxenitores. Tamén poden participar docentes de educación infantil e primaria e calquera outra persoa interesada. Para acudir é necesario inscribirse antes do 7 de novembro, mediante o envío dun correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que apareza o nome e apelidos dos e das participantes e un teléfono de contacto.

O vindeiro domingo, 4 de novembro, celébrase o Día da Ciencia en Galego, día no que se busca poñer de manifesto a importancia do uso da lingua galega en ámbitos tan especializados como son a divulgación e o ensino das máis diversas disciplinas científicas. Para conmemorar esta data, o divulgador científico e experto en neurociencia Xurxo Mariño ofrecerá unha charla titulada As miñas linguas e máis eu. Durante a charla, que terá lugar no Pazo da Peregrina o 8 de novembro, ás 20.00h, Xurxo Mariño percorrerá o mundo da linguaxe e como esta se converte na esencia do noso pensamento, da construción do “eu” e da memoria.

Ademais, tamén se falará da importancia dos primeiros anos de vida no desenvolvemento desa capacidade e descubriremos que ocorre no cerebro das persoas que manexan máis dunha lingua. Asemade, saberemos de que xeito as linguas poden modificar o noso xeito de aprender e de pensar. Desta maneira, dun xeito coloquial e ameno, os e as asistentes introduciranse nos últimos descubrimentos que a ciencia achega sobre o complexo e marabilloso mundo da linguaxe, e a forma na que esta facilita a comprensión da mente humana.

O relator, Xurxo Mariño, é un coñecido científico que compatibiliza a súa labor docente como profesor do departamento de Medicina da Universidade da Coruña cunha frutífera carreira como divulgador. Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, a través das súas conferencias achega varios ámbitos da ciencia de forma comprensible e amena ao seu público. Esta labor divulgativa vese reforzada pola publicación de numerosos libros, o último dos cales leva por título Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, recoñecido co Premio á obra de divulgación na III Gala do Libro Galego, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), e a Mención honorífica do XXIX Premio Prismas Casa das Ciencias á Divulgación.

Para inscribirse na actividade cómpre enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, antes do mércores 7 de novembro, no que deben figurar o nome e apelidos dos participantes, ademais dun teléfono de contacto. Para obter máis información tamén se poden poñer en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames a través do teléfono 662 377 215.

O programa Apego
Esta actividade enmárcase dentro do programa do Apego, que é un proxecto colectivo que busca acompañar, dar apoio ás familias e poñer en valor a transmisión da lingua galega ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, nomeadamente dos 0 aos 6 anos. Con estes obxectivos ofrécese información, recursos e actividades variadas tanto para familias, coma para os nenos e nenas, educadoras e educadores... O proxecto pretende, ademais, que as crianzas se socialicen en galego e reforzar nelas a identidade coa familia e coas raíces a través de diferentes recursos lúdicos, formativos e informativos. En Ames, o programa do Apego conta xa con máis de 100 familias adheridas.

As familias que estean agardando un bebé ou que teñan crianzas de 0 a 6 anos poden inscribirse no programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, ben a través do correo indicado máis arriba, ben a través do teléfono 662 377 215. Desde o momento en que se inscriban recibirán información e recursos útiles para a crianza. Pódese ampliar a información sobre o programa visitando a páxina web www.apego.gal

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925