Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames adhírese...


Ames adhírese ao convenio de colaboración para a delimitación do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia

[30-10-2018] Este luns, 29 de outubro, celebrouse en Lousame unha xuntanza dos nove concellos promotores do itinerario cultural do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. Esta xuntanza serviu para presentar un avance do estudo de recompilación da distinta documentación histórica referente ao Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. Consideran que a proposta conta cunha base histórica sólida para iniciar con éxito o expediente para o seu recoñecemento como Camiño de Santiago. Asemade, acordouse o 28 de novembro coma data prevista para a sinatura dun convenio de colaboración para a delimitación de dito camiño.

A Corporación municipal amesá aprobou por unanimidade, no pleno ordinario deste mes de outubro celebrado o pasado xoves 25, a adhesión ao convenio de colaboración entre os Concellos de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago para a delimitación do itinerario cultural do Camiño a Santiago pola da ría de Muros-Noia. O obxectivo é acadar o recoñecemento deste Camiño como ruta histórica e posteriormente a súa declaración oficial como Camiño de Santiago.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destaca que “para o Concello de Ames este proxecto ten un gran interese xa que sería o único concello de Galicia en contar con tres rutas Xacobeas no seu territorio, xa que por Ames discorren tramos do Camiño Portugués e do Camiño Fisterra-Muxía. Este camiño terá unha distancia aproximada de 100 quilómetros, dos cales 7 discorrerían polo termo municipal de Ames”.

Para este fin o Concello de Ames tería que facer unha achega de 1.679,82 euros, a través dunha única anualidade e sendo esta de carácter puntual. O importe total que teñen que facer todos os Concellos é de 18.148,79 euros. Dito presuposto será financiado por achegas dos nove concellos, mediante un reparto proporcional en base a dous criterios: o 50% do presuposto repártese de xeito lineal co mesmo importe para cada concello e o 50% restante repártese de forma proporcional en función dos quilómetros de trazado do camiño en cada municipio.

Ao igual que Ames os oito concellos promotores restantes terán que aprobar a adhesión a dito convenio. Unha vez resolto dito trámite, está previsto que o convenio de colaboración sexa asinado o mércores, 28 de novembro, ás 11:30 horas, en Santiago e Compostela, polos alcaldes e alcaldesas de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago. Historicidade deste itinerario de peregrinación
Asemade, na xuntanza celebrada este luns, 29 de outubro, en Lousame, presentouse un avance do estudo de recompilación da distinta documentación histórica referente ao Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia, contratado e financiado pola Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría Muros-Noia. Os responsables deste traballo concluíron que existe unha base sólida para demostrar a historicidade deste itinerario de peregrinación.

Un estudo elaborado grazas ás achegas realizadas polos distintos municipios participantes, así como por asociacións, entidades e investigadores da zona que demostran a existencia do Camiño a Santiago pola ría de Muros-Noia. Unhas probas documentais especialmente significativas nos municipios de Muros e de Noia, neste último caso compiladas recentemente co gallo da celebración do Portus Apostoli e o 850 aniversario do nacemento da vila.

Na reunión celebrada no salón de plenos lousamiá, en representación do Concello de Ames, estiveron presentes a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e maila técnica municipal de Turismo, Sonia Moure. Por parte dos oito concellos restantes asistiron as alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Muros, María Xosé Alfonso; e Outes, Beatriz Molinos; así como os alcaldes de Noia, Santiago Freire, e de Rois, Ramón Tojo.

Tamén asistiron o concelleiro de Mobilidade de Santiago, Jorge Duarte; o concelleiro de Turismo de Porto do Son, José Manuel Deán, e o concelleiro de Cultura e Turismo de Noia, José Pérez. Así mesmo, participaron Francisco Pérez, presidente da asociación de empresarios Noia Histórica; Fran Calo, secretario da Asociación Amigos do Camiño pola Ría de Muros-Noia; e Sol Agra, en representación da asociación turístico comarcal Ría Muros Noia. O representante do Concello de Brión xustificou a súa ausencia.

Fases na tramitación da nova ruta Xacobea
As fases que hai que realizar na tramitación do expediente, para que o Camiño de Santiago de Compostela pola Ría de Muros – Noia sexa recoñecido como Camiño de Santiago (segundo o artigo 73 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia) son en primeiro lugar a recompilación e análise da documentación histórica do Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela pola Ría de Muros e Noia; elaborar unha proposta de trazado e delimitación para a protección do Camiño; e por último, a partires da base dos traballos realizados nas anteriores fases, preparación do documento segundo os criterios que marca a Xunta de Galicia de cara á incoación do procedemento de delimitación e acordo do trámite de información pública.

Na actualidade, os concellos promotores atópanse inmersos na primeira fase de traballo. Deste xeito, os autores do estudo histórico confirmaron que este traballo estará rematado a finais do vindeiro mes de novembro, de cara a iniciar a tramitación do expediente diante da Dirección Xeral de Patrimonio para o recoñecemento do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia como ruta xacobea. O seguinte paso será a elaboración dun traballo de campo intensivo para determinar a proposta e delimitación do trazado definitivo para a súa protección. Un traballo que se fará en coordinación cos Concellos participantes e a Dirección Xeral de Patrimonio.

Coa sinatura do convenio de colaboración para a delimitación de dito camiño, que está prevista para o 28 de novembro, iniciaríanse os traballos da segunda fase. Paralelamente, continuase traballando na creación, e aprobación dos estatutos, dunha entidade que aglutine aos municipios promotores do Camiño a Santiago pola Ría de Muros-Noia.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925