Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Representantes dos...


Representantes dos concellos de Ames, Brión e Padrón reúnense para impulsar a Ruta Rosaliana

[02-11-2018] Este mércores, 31 de outubro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse cos representantes e técnicos do departamento de turismo dos concellos de Brión e Padrón, co obxectivo de adoptar medidas para potenciar a Ruta Rosaliana. Este traxecto percorre os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro ao longo de Santiago, Ames, Brión e Padrón.

O centro social de Padrón acolleu este pasado mércores unha reunión entre os representantes e técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos de Ames, Brión e Padrón, durante a que se buscaron acordos para impulsar a Ruta Rosaliana, que parte de Santiago de Compostela e percorre os tres concellos. Á xuntanza acudiron a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure.

Durante o evento, os representantes dos tres concellos acordaron solicitar liñas de subvención para incrementar a sinalización ao longo de todo o percorrido e seguir traballando para preparar o correspondente expediente desta iniciativa para envíalo á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se quedou na reunión mantida coa Directora Xeral de Turismo de Galicia, para chegar a acadar a declaración de ruta cultual e poder optar as axudas públicas que se convocan para este fin.

Asemade, coa colaboración da axencia Galicia Es+, tamén se determinou a necesidade de definir un percorrido seguindo a ribeira do río Sar, adaptado para que poida ser realizada tanto a bicicleta como a pé, posto a que ata o de agora, o percorrido só estaba concibido para ser realizado en coche ou autobús. Con esta ampliación, búscase que os valores históricos e culturais da actividade sexan reforzados pola beleza das súas paisaxes.

A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Itinerario circular
O percorrido parte de Santiago, concello que se espera poida sumarse tamén a esta nova fase de potenciación da ruta. Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón. No pasado mes de maio realizouse unha visita guiada pola Ruta Rosaliana na que se visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destaca que “con esta nova ruta na que levamos traballando ao longo deste ano, o que pretendemos é achegar e dar a coñecer a vida e obra de Rosalía de Catro a toda a poboación dos concellos por onde discorre, pero tamén aquelas outras persoas que nos visitan dende puntos máis afastados. O principal obxectivo é que coñezan os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro, visitando os concellos polos que discorre dita ruta”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925