Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias A programación...


A programación da Aula CeMIT de novembro centrase no uso das novas tecnoloxías

[05-11-2018] A Aula CeMIT de Bertamiráns organiza para este mes de novembro unha serie de cursos e videoconferencias destinadas aos usuarios que queiran afondar no manexo dos seus smartphones e das novas tecnoloxías. Asemade, impartiranse os dous últimos cursos do ciclo de ofimática, e continuarase cos cursos iniciados en outubro, destinados aos máis cativos. Os interesados en obter máis información ou reservar praza nalgunha das actividades que comezan este mes, poden dirixirse á web https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9, achegarse á Aula CeMIT situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, chamar ao número de teléfono 662 371 511 ou enviar un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A Aula CeMIT de Ames dálle a benvida ao mes de novembro cunha programación dirixida, na súa maioría, ao público adulto. Se ben se continúa cos tres cursos para nenos e nenas que comezaron a principios de outubro, neste mes inícianse dous novos cursos sobre o Libre Office, que marcarán o final do ciclo de ofimática comezado en setembro. Tamén se realizarán dous novos cursos para adultos e cinco novas videoconferencias sobre móbiles, reloxos intelixentes e blogs. Ademais, hoxe de 12.00 a 13.30 horas, celebrase na aula o taller online Dalle luz á túa factura: axudas sociais.

Do 6 ao 22 de novembro impártese o curso Aprende a manexar o teu móbil intelixente, no que todos o martes e xoves, en horario de 10.30 a 12.00h, os participantes afondarán no funcionamento do seu smartphone e aprenderán a sacarlle partido a moitas das súas funcións. As prazas para participar neste taller xa están esgotadas, pero os interesados poden apuntarse na lista de agarda.

Asemade, os días 23, 27, 29 e 30, tamén en horario de 10.30 a 12.00h, realizase o curso Crea o teu blog, co obxectivo de que os alumnos/as dean os seus primeiros pasos na “blogsfera” e adquiran as ferramentas necesarias para botar a andar o seu propio blog.

Seminarios online sobre o smartphone
Para completar a temática das novas tecnoloxías, cada mércores en horario de 10.30 a 12.00 horas, realizarase un novo seminario online sobre as posibilidades do móbil intelixente. A primeira videoconferencia será o 7 de novembro, e levará por título Cómo usar un reloxo intelixente, á que seguirán Apps móbiles para viaxar (día 14), Vídeo dixital: crea e edita dende o móbil (21), Lectura dixital: recursos online (28) e Como usar Youtube (12 decembro). Este grupo de talleres comezou o 19 de setembro co seminario “Aprende a usar o teu teléfono intelixente”, ao que seguiron as videoconferencias “Apps interesantes que non deben faltar no teu smartphone”, “Fotografía co teu teléfono intelixente”, “Facebook”, Apps para adestrar a túa memoria” .

Ciclo de ofimática
O ciclo de ofimática tamén comezou en setembro cun primeiro curso enfocado no procesador de textos LibreOffice Writer, e continuou en outubro cos obradoiros LibreOffice Writter II e LibreOffice Calc I. Este mes, impartense os dous últimos bloques desta serie de talleres, que son o curso LibreOffice Calc. II e o LibreOffice Impress.

Así, o primeiro impartese do 5 ao 14 de novembro, e nel afondase sobre o uso das follas de cálculo, o seu formato e o manexo das súas fórmulas. Entre o 19 e 28 de novembro, realizarase o curso LibreOffice Impress, cuxo obxectivo é introducir e profundar aos usuarios no manexo, neste caso, das presentacións de LibreOffice. As prazas para participar en calquera destes cursos do ciclo, que se celebran os luns e mércores en horario de 18.15 a 19.45h, están esgotadas aínda que é posible anotarse na lista de agarda.

Actividades programadas para decembro
De cara ao final do ano, a Aula CeMIT tamén ten programados dous cursos para adultos e unha nova videoconferencia. O curso Compras seguras a través de Internet impartirase o martes 4 e o mércores 5 de decembro, de 10.30 a 12.00h, mentres que Aprende a buscar en Internet realizarase do 11 ao 20, todos os martes e xoves en horario de 10.30 a 12.00h.

Ademais, o mércores 12 haberá o seminario online Como usar Youtube, durante o que se afondará no uso e opcións da plataforma. Ao longo de novembro, publicaranse os obradoiros e actividades que se realizarán na aula con motivo do Nadal, e que completarán o programa de decembro.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web CeMIT (https://cemit.xunta.gal/gl/centro/9), achegándose á aula da Casa da Cultura (de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h), chamando ao número de teléfono 662 371 511 (no mesmo horario) ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925