Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Casa da Cultura do...


A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este venres, 9 de novembro, o espectáculo visual Gaia

[07-11-2018] A compañía de danza contemporánea Entremáns chega a Ames este venres, 9 de novembro, co seu espectáculo Gaia. A través da voz e a danza, entrelazadas coa pintura, a música e o audiovisual, este espectáculo tentará achegar aos espectadores a importancia da interacción entre as persoas e o medio ambiente. As entradas para o espectáculo xa están dispoñibles na Billeteira electrónica, cun prezo de 4 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

“O noso fogar, a Terra, está cambiando rapidamente. Debemos encontrar unha forma de vida máis respectuosa para protexer o noso planeta e o medio ambiente”. Baixo este precepto chega á Casa da Cultura do Milladoiro este venres, 9 de novembro, a compañía de danza Entremáns co seu espectáculo Gaia. Unha peza didáctica, destinada a un público familiar, que pretende afondar na relación que o ser humano mantén coa natureza, dende unha óptica visual e imaxinativa.

Así, a voz e a danza son os protagonistas desta peza, aínda que tamén ocupan un posto importante outras artes como o audiovisual, a música e a pintura. Elementos de excepción para mostrar a intensidade, o poder e a beleza dos tesouros naturais que acolle a Terra.

Sen embargo, o obxectivo de Entremáns non se limita a mostrar as características deste planeta, senón que o espectador entenda e reflexione sobre a importancia da relación que se establece entre as persoas e o medio ambiente, xa non só para o presente senón tamén para o futuro.

As entradas para asistir a este espectáculo, que comeza ás 18.00 horas, xa están dispoñibles a través da Billeteira electrónica, mentres que só un 10% se reservarán, como é habitual, para vender de xeito presencial unha hora antes do comezo do espectáculo. O custo das entradas é de 4 euros, con descontos do 50% para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 e estudantes con carné.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925