Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Corenta persoas...


Corenta persoas visitan as covas das Choias e do rei Cintolo coa Aula da Natureza

[07-11-2018] Esta fin de semana, a Aula da Natureza organizou dúas saídas para visitar a cova das Choias na Pobra do Brollón e a lendaria cova do rei Cintolo en Mondoñedo, nas que participaron un total de corenta persoas. Ao longo da fin de semana, os e as visitantes puideron descubrir e ver de cerca as distintas especies que residen nestas covas, así como as monumentais formacións do seu interior, da man de guías especializados.

Ao abeiro do programa Variedade é vida – Vida é variedade (VéV), a Aula da Natureza realizou a pasada fin de semana dúas visitas guiadas ás covas de Choias e do rei Cintolo. Durante estas saídas, os/as participantes puideron observar as características formacións destas covas mentres admiraban de cerca as distintas especies de flora e fauna que residen no seu interior, algunhas das cales se atopan no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Para o sábado programouse a visita á cova das Choias, situada na Pobra do Brollón, ao sur da provincia de Lugo. Da man de Xosé Gago, técnico de cultura e turismo da Pobra do Brollón, os participantes comezaron por admirar o acceso á cova, situado nunha ladeira virxe de bosque autóctono, formado por castiñeiros centenarios e salpicado de Amanitas phalloides. Unha vez dentro, os protagonistas foron o musgo bioluminiscente (Schistostega pennata), que posúe uns filamentos capaces de reflectir unha luz cor esmeralda que semella un efecto luminiscente, o morcego pequeno de ferradura e a choia biquivermella.

Pola tarde, realizouse un percorrido guiado polo técnico de turismo pola parroquia de Cereixa, na que os asistentes puideron coñecer o fogar e a vida de María Castaña para, de seguido, admirar a recreación histórica do castro de San Lourenzo.

Ao día seguinte, os/as participantes desta segunda visita achegáronse ata Mondoñedo para coñecer de primeira man a cova do rei Cintolo, que este luns recibiu a certificación de Espacio Observer Destino de Turismo Científico. O guía Gonzalo foi o encargado de dirixir aos asistentes na visita por esta cova, protagonista dunha das lendas máis coñecidas do imaxinario galego.

O percorrido polas galerías da cova durou dúas horas, nas que os participantes, ataviados con buzos, cascos e guantes, pasaron por columnas de estalactitas e estalagmitas, pasos en tobogán, gateiras e tobeiras ao tempo que Gonzalo lles transmitía os seus coñecementos sobre xeoloxía. Asemade, tamén puideron observar de cerca os varios xéneros de morcegos, as diversas colonias de invertebrados e os crustáceos que viven no interior da cova.

Variedade é vida – Vida é variedade (VéV)
Esta iniciativa ten como obxectivo amosar que a vida e a variedade están unidas de maneira intrínseca. Así, a variedade xenética e a adaptación que os seres vivos realizaron e realizan ao longo de miles de anos ten como resultado as especies que hoxe conviven no noso planeta, nunha gran variedade de condicións e ecosistemas. Deste xeito, esta iniciativa busca non só que os participantes se acheguen á natureza, senón tamén axudalos a reflexionar sobre a variedade, que é o que da riqueza á vida, polo que debe ser respectada.

Ademais desta primeira saída, encadrada dentro do bloque Vida nas covas, tamén se realizará Vida no aire, na que se realizará unha saída ornitolóxica ao espazo natural do encoro Abegondo - Cecebre o domingo 18 de novembro; e Vida no monte o domingo 25 de novembro, na que se gozará de Ponte Arados sobre o lombo dos cabalos.

A través desa e outras actividades, iráselles mostrando aos participantes temas como a vida en chemineas submarinas a 200 grados de temperatura ou ambientes radioactivos, vida no Ártico e na Antártida, vida a escuras ou a vida nocturna, entre outros.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925