Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames inviste máis de 30.000 euros na mellora das escolas infantís municipais

[07-11-2018] O Concello de Ames destina 10.000 euros para a compara de material didáctico para as escolas infantís municipais O Bosque, de Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro. Dito material mercouse con fondos propios municipais, incluídos no Orzamento municipal de 2018. Asemade, a Concello vén de recibir comunicación positiva sobre a concesión dunha subvención de 23.610 euros para realizar actuacións de investimento para a mellora da rede pública de escolas infantís municipais.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, destinou este ano 10.000 euros de fondos propios para a mellora das escolas municipais infantís O Bosque, e Bertamiráns, e A Madalena, do Milladoiro, coa compra de diferentes material didáctico, así como a impartición de cursos formativos dirixidos ao persoal de ditos centros.

Deste xeito, na escola infantil O Bosque, ata o momento, gastaron 1.923 euros na compra de carriños de actividades, xogos, mesas de actividades, parques de xogos, marionetas, pizarras, pratos, vasos, etc. Por outra banda, na escola infantil A Madalena gastaron 2.101 euros en adquirir un set de 6 camiñas apilables, lámpadas de luz, mesas de luz, lotes de xogos, maletíns de música, pelotas, sets de pizarras, monecos/as, etc. Ambos centros aínda dispoñen de presuposto para adquirir novo material antes de que finalice o ano.

Asemade, o Concello de Ames vén de recibir notificación da concesión dunha axuda da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para realizar actuacións de mellora de investimento para a mellora da rede pública de escolas infantís do concello de Ames. O gasto total subvencionable ascende a 23.610,57 euros. O 80% de dita axuda (18.888,46 euros) está financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Así, destinaranse 19.988,88 euros para a execución de obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas dos centros de atención á infancia, así como obras novas que melloren a accesibilidade ou doten ao edificio dos servizos necesarios. O importe de 1.643,42 euros será para a adquisición de dous sillóns de lactación, un baúl de almacenaxe con chave e rodas, un moble de tres compartimentos e conxunto de tres caixóns con rodas para libros para a EIM O Bosque, así como dúas mesas de luz para a EIM A Madalena.

Os 1.968,27 euros restantes, destinaranse á dotación de conexión á Internet e compra de dispositivos para a integración das novas tecnoloxías nas aulas. Con cargo a este importe mercaranse seis microcadeas musicais para a EIM O Bosque e un altofalante, un retroproxector e unha pantalla de proxección para a EIM A Madalena.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, recalca que “por primeira vez o Concello de Ames incluíu unha partida no orzamento municipal para a compra de material didáctico para as escolas infantís. Asemade, ás melloras e maila adquisición de novo material de xogo que se propón mercar coa subvención concedida supón un valor engadido para a atención dos nenos e das nenas”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925