Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames crea o Premio Lingua e Empresa para promover o uso do galego na actividade empresarial amesá

[08-11-2018] O Concello de Ames, a través do Servizo de Normalización Lingüística e do departamento de Promoción Económica, crea o Premio Lingua e Empresa co obxectivo de recoñecer de forma pública o uso e fomento do galego na actividade empresarial. Optarán a este galardón todas as empresas, con sede social ou centro de actividade no concello de Ames, que sexan propostas ata o 30 de novembro por calquera persoa ou entidade, ou pola propia empresa que queira participar. Para propoñer a unha empresa para este premio haberá que entregar, ben de forma presencial ou telemática, a ficha de inscrición dispoñible baixo o apartado de descargas desta nova.

O Servizo de Normalización Lingüística e o departamento de Promoción Económica do Concello de Ames organizan, de maneira conxunta, o I Premio Lingua e Empresa. A través desta iniciativa, que se celebra por primeira vez este ano, buscase recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

Por este motivo, valorarase o uso da lingua galega na actividade das empresas propostas, tanto no referente á comunicación externa como á interna. Así, terase en conta o uso da lingua galega en ferramentas como páxina web, redes sociais, servizos e atención ao cliente ou comunicación e campañas publicitarias/promocionais do establecemento empresarial. Asemade, valorarase tamén de forma positiva o uso do galego na comunicación interna da empresa, na comunicación co persoal ou entre os departamentos, a existencia de normas de usos lingüísticos que fomenten o uso do galego e a diversidade lingüística, ou calquera outro mérito que a propia empresa queira salientar.

Por outra banda, tamén puntuará positivamente o impacto que a actividade da empresa poida ter en sectores especialmente relevantes para o proceso de normalización lingüística. Para a comprobación destes méritos, as empresas candidatas deberán indicar os enlaces de información correspondente, así como achegar materiais impresos e facilitarlle ao Concello de Ames toda a formación que se lles requira sobre os usos lingüísticos na súa comunicación externa ou interna ou sobre a veracidade dos datos achegados na candidatura. Presentación desta nova iniciativa
A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no salón de Plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns. Nela participaron a primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e a concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero. Esta iniciativa nace coa vocación de ter continuidade no tempo e influír na política sociolingüísticas das empresas e comercios de Ames.

Genma Otero aposta “polo fomento da nosa lingua en todos os ámbitos e, precisamente, esta é unha iniciativa nova que aposta por ese fomento do uso do galego no ámbito empresarial e comercial amesán. Hai que agradecer na posta en marcha desta nova iniciativa o traballo dos e das técnicas municipais de Normalización Lingüística e Promoción Económica”.

A concelleira de Normalización Lingüística, Isabel Vaquero, destacou que “con esta iniciativa queremos recoñecer o esforzo e mérito que realizan as empresas, locais hostaleiros e comercios por facer uso do galego en algunha ou todas as súas actividades como poden ser a publicidade, a relación coa clientela, na súa xestión interna, etc. Deste xeito, dende o Concello queremos recoñecer ese esforzo cun premio de 2.500 euros e tamén presentar casos positivos de entidades que funcionan perfectamente co uso do galego. Isto tamén ten que servir de estímulo para que outras empresas empreguen a nosa lingua na súa actividade diaria”.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, incidiu “na importancia de que a creación deste premio chegue a todo o tecido empresarial e comercial do concello para que poidan participar nesta iniciativa. Hai moitos establecementos e empresas que xa fan uso do galego na súa actividades, pero trátase de dar un primeiro paso para implicar a máis entidades. Preténdese que o uso do galego non sexa un obstáculo senón un aspecto positivo”.

Resolución do premio: do 15 e o 20 de decembro
En canto á resolución do premio, esta darase a coñecer de maneira pública entre o 15 e o 20 de decembro de 2018. Este recoñecemento irá acompañado dunha dotación económica de 2.500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. Para acceder ao premio, as empresas premiadas deberán estar ao corrente nas obrigas tributarias coa Seguridade Social e co Concello de Ames. Asemade, as empresas premiadas poderán mencionar na súa comunicación a obtención desta distinción e mesmo incluíla na súa publicidade ou papelería.

O prazo de presentación de candidaturas para optar ao I Premio Lingua e Empresa remata o 30 de novembro. As empresas poderán presentar directamente a súa candidatura ou seren propostas por calquera persoa ou entidade, xustificando, na medida do posible, os méritos cos que conten. Calquera persoa que o desexe poderá propor a unha entidade, que entenda, que emprega o galego nalgunha ou en todas as súas actividades.

Para presentar unha candidatura é necesario entregar cuberta, de xeito presencial ou telemático, a ficha dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova. Os lugares habilitados para a presentación de xeito presencial no Concello de Ames son a Oficina de Rexistro Xeral, en Bertamiráns, e a Oficina de rexistro auxiliar do Milladoiro, de luns a venres en horario de 9.00 á 14.00h. Outra opción é presentar as solicitudes polo Rexistro Electrónico Xeral do Concello de Ames ou na sede electrónica do Concello (https://sede.concellodeames.gal/es/). Igualmente poderá presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se pode acceder desde o enlace dispoñible na sede electrónica do Concello de Ames.

Os interesados en recibir máis información poderán contactar co Servizo de Normalización Lingüística, a través do teléfono 662 377 215 ou enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, ou co departamento de Promoción Económica, a través do correo electrónico jorge.counago@concellodeames.gal e do número de teléfono 981 883 002 (extensión 2010).

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925