Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O luns, 12 de...


O luns, 12 de novembro, os Espazos para Reflexionar centraranse na educación en positivo

[09-11-2018] O salón de actos do IES do Milladoiro acolle o luns, 12 de novembro, unha nova sesión de Espazos para Reflexionar, que nesta ocasión xirará sobre a educación en positivo e a educación emocional. Nesta ocasión, a charla será conducida por Ramiro Gómez, representante da Asemblea de Cooperación pola Paz. O proxecto, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla, en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O programa Espazos para reflexionar ofrece este luns, 12 de novembro, unha nova charla de participación aberta, que nesta ocasión versará sobre a educación en positivo e a educación emocional. Este espazo será conducido polo representante de Asemblea de Cooperación pola Paz, Ramiro Gómez, que ofrecerá ás familias unhas pautas sobre as que orientarse sobre a educación en positivo. Así, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias e expectativas e, en base a estas vivencias, poñer en común como se pode abordar as normas, os límites, as necesidades ou a afectividade dende o punto de vista positivo. A sesión terá lugar no salón de actos do instituto entre as 17:00h e as 19:00 horas. Para asistir non é preciso inscrición previa.

A iniciativa Espazos para reflexionar conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro. Ademais, esta charla englóbase tamén dentro do proxecto Escolas sen racismo. Escolas para a paz e o desenvolvemento, realizado pola Asemblea de Cooperación pola Paz co obxectivo de construir unha sociedade máis xusta e solidaria.

Os Espazos están dirixidos principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, a primeira sesión celebrouse o 23 de outubro e versou sobre o valor da diversidade sexual e o dereito á diferencia. Baixo o título Sorrisos transformadores. Dereito a ser distintos, a charla buscou reflexionar sobre a diversidade enfocada no ámbito sexual, superando o sistema binario e o marcado pola heteronorma. Nela interviñeron algúns membros da asociación Arelas, formada por familias de menores trans, que achegaron aos participantes as súas experiencias.

Nas próximas semanas, realizaranse dúas novas sesións os días 21 e 28 de novembro. A primeira, destinada a familias con cativos/as de 0 a 6 anos, xirará sobre o crecemento e como elaborar todo o que implica a autonomía dos pequenos e pequenas. Por outra banda, a sesión do 28 estará centrada nos adolescentes, e tentará reflexionar sobre a importancia de descodificar as súas necesidades potenciando a autonomía. Ambas as dúas charlas serán conducidas pola pedagoga Yolanda Gómez, traballadora de Servizos sociais comunitarios do Concello de Noia.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro
Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O obxectivo deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesión prácticas e amenas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925