Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames asina un convenio de cooperación internacional co municipio caboverdiano de Tarrafal

[09-11-2018] A primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero, e mailo concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo da Cámara municipal de Tarrafal, Daniel David Soares, asinaron esta semana un acordo de colaboración para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos concellos. En dita sinatura tamén participou a concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo. Deste xeito, o técnico municipal de Deportes estará 15 días en Tarrafal, para colaborar na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano cun carácter social e con perspectiva de xénero. Este convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo de Ames participase no ano 2016 no programa “Vacacións con traballo”, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte.

Esta mañá presentouse no salón de plenos da Casa do Concello o acordo de colaboración para establecer un programa de cooperación internacional entre ambos concellos. A presentación desta iniciativa correu a cargo da concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, a secretaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García, o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, o técnico municipal de mediación intercultural, Leonardo Pena, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.

A través de dito acordo establécese un programa de cooperación internacional destinado ao persoal técnico do Concello de Ames. Neste caso, o programa consiste na viaxe ata o municipio de Tarrafal (Cabo Verde) do técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, co obxecto de manter unha relación de cooperación durante 15 días. Así, colaborará na posta en funcionamento dunhas escolas deportivas no municipio caboverdiano, cun carácter social e con perspectiva de xénero. Os gastos de desprazamento son asumidos polo Concello de Ames, mentres que dos custes de aloxamento e manutención ocúpase a Cámara municipal de Tarrafal.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, explica que “trátase dunha cooperación técnica entre ambos concellos, na que os técnicos municipais darán a coñecer a súa experiencia de xestión na área de competencia e tamén á inversa procurando que sexa sempre un intercambio de experiencias. É un programa de cooperación internacional no que colaboraremos no desenvolvemento de diferentes áreas fortalecendo aquelas capacidades do municipio para planificar e xestionar actividades, tanto relativas á igualdade de xénero como políticas publicas orientadas á infancia, aínda que tamén participaremos e seguiremos de preto a xestión de algunhas actividades”.

Trátase dun programa de cooperación internacional, a través do cal se colabora no desenvolvemento de diferentes áreas, fortalecendo as capacidades do municipio caboverdiano, para planificar e xestionar actividades relativas á igualdade de xénero e políticas públicas municipais orientadas a infancia, principalmente. A duración do acordo é dun ano podendo prorrogarse ata un máximo de catro. Tarrafal é un municipio con moitas semellanzas a Ames. É un concello eminentemente novo con dous núcleos de poboación diferenciados e distantes entre si. Ames referente no voluntariado e cooperación
Este convenio nace despois de que a técnica municipal de Turismo participase no ano 2016 no programa Vacacións con traballo, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Ames forma parte. Tras a súa participación neste programa estableceuse unha relación con este municipio caboverdiano. Así, estableceuse unha colaboración de carácter particular entre o Bertamiráns FC e o GD Varandinha de Tarrafal. A partires de aí continuouse afondando en posibles vías de colaboración, pero desta vez dun xeito institucional e con carácter técnico. Despois de varias conversas co concelleiro de Educación, Cultura, Deportes e Turismo de Tarrafal, Daniel David Soares, tívose coñecemento da súa intención de desenvolver un proxecto no ámbito deportivo, e o técnico municipal de Ames interesouse por dito proxecto.

A secretaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Andrea García, destacou que “a posta en marcha desta iniciativa coloca ao Concello de Ames na vangarda da cooperación. A cooperación técnica é unha modalidade de cooperación que implica unha maior corresponsabilidade por parte do/a técnico/a que ofrece esa cooperación. Este tipo de cooperación vai máis alá da simple transferencia de recursos, xa que implica chegar a coñecer, empatizar e forxar relacións. É máis fonda, enriquece máis a ambas partes, intercambia e contribúe á creación dun mundo globalizado, en paz e interconectado. A irmandade do Concello de Ames coa Cámara municipal de Tarrafal é un exemplo para o municipalismo galego, para a cooperación galega e un referente estatal”.

Por último, o técnico municipal de Deportes, Alberto Viaño, dixo que “dende hai tempo tiña en mente participar nun programa de cooperación. Este ano apunteime no programa Vacacións con traballo, do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, pero non fun admitido porque buscaban outro perfil técnico. Agora, presentouse esta oportunidade, que conxuga cooperación e deporte, e non a deixei escapar. O meu cometido será ver a situación inicial, analizada e, a partir de aí, intentar aportar tecnicamente iniciativas que se realizan aquí e poidan ser aplicadas alí. Tamén intentarei asesorar e formar aos monitores especializándoos por ámbitos, sobre todo en canto a fútbol, baloncesto e voleibol, que son os deportes máis practicados en Cabo Verde”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925