Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames logra o Premio...


Ames logra o Premio Progreso da Federación Andaluza de Municipios e Provincias polos programas de conciliación como reclamo poboacional

[25-11-2018] O Concello de Ames acaba de ser recoñecido co Premio Progreso na categoría de Educación polo proxecto Concili@mes. A FAMP, Federación Andaluza de Municipios e Provincias, e o FUDEPA, Fundación para o desenrolo dos pobos de Andalucía, promoven estes premios que na súa XI Edición recoñecen a iniciativa con maior orixinalidade e innovación dos gobernos locais, e que contribúen ao benestar da cidadanía e do seu territorio. A iniciativa amesán foi elixida como a mais orixinal e innovadora de entre 13 proxectos na categoría de educación. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a relación de premiados en cada categoría.

O Concello de Ames presentouse a estes premios co programas de Conciliación que leva desenvolvendo durante anos. A categoría na que participou o Concello foi a de educación, e dentro dos Concellos de máis de 20.000 habitantes. Estes premios teñen varias categorías que se dividen en: Cidades/territorios intelixentes e administración electrónica; Cohesión e políticas sociais; Cultura, patrimonio histórico e memoria democrática; Deportes, xuventude e turismo; Desenvolvemento urbano integrado e ordenación do territorio; Economía, emprego e empresa; Educación; Goberno aberto, participación cidadá e transparencia; Igualdade de oportunidades entre homes e mulleres; e Medio ambiente e desenvolvemento sostible.

Os obxectivos do Premio son establecer un foro idóneo para o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os Concellos e Organismos públicos que contribúan ao benestar das cidades e pobos.

Na presente edición de 2018 o número total de proxectos superou a das edicións pasadas chegando aos 113 proxectos. A FAMP destaca a importante presenza de traballos de entidades e organismos públicos de fóra da comunidade autónoma de Andalucía, o que amosa o carácter nacional que están a coller os premios. Cidades como Barcelona, Vitoria, Lleida ou Alacante, e galegas como Ames ou a propia Deputación da Coruña, son claros exemplos desta expansión dos Premios Progreso.

A Federación Andaluza de Municipios e Provincias destaca o papel dos Concellos no benestar da cidadanía e de aí que estes premios queiran recoñecer e impulsar aquelas iniciativas máis orixinais e innovadoras que repercuten de xeito directo na cidadanía e sirvan de modelo para outros Concellos. Tal foi o caso do proxecto de Ames, Concili@mes, como un programa de conciliación modélico e exemplar que destaca polo seu carácter práctico e o beneficio social directo na cidadanía, resultando ser ademais un reclamo poboacional evidente.

O xurado constituído en febreiro de 2018, foi auxiliado pola comisión técnica, e despois de varias reunións de valoración decidiu conceder o premio no apartado de Educación para municipios de máis de 20.000 habitantes ao Concello de Ames polo seu proxecto Concili@mes. A Gala de entrega dos premios será o vindeiro 10 de decembro en Córdoba.

O proxecto de Ames foi o mellor valorado dun total de 13 iniciativas presentadas na categoría de educación quedando por diante de proxectos presentados por Concellos como Alacante, Chiclana, Arcos de la Frontera, Málaga ou Santiponce entre outros. O obxectivo da FAMP é que os proxectos premiados sirvan de referente e análise para o resto dos Concellos de cara a acadar un mellor servizo cidadán.

A conciliación como reclamo poboacional
O proxecto Concili@mes foi presentado como un programa que repercute no crecemento poboacional. Ames pasa por ser o Concello máis novo de Galicia e un dos que máis medra de xeito continuo nos últimos anos. A taxa de crecemento en Ames segue a ser positiva e ese incremento de nacementos, e de veciñanza, para o goberno local ten moito que ver cos servizos de conciliación prestados, entre outros.

Así, desde o goberno municipal presentouse o proxecto de Concili@mes como un reclamo poboacional, describíndose con detalle os numerosos beneficios das políticas de conciliación que se están levando a cabo no Concello de Ames, concibidas como un servizo de calidade que ademais leva aparellado un proxecto educativo. O xurado do Premio valorou moi positivamente o aspecto municipal do proxecto, así como o carácter educativo e formativo en materia de hábitos saudables dos programas de Bos días cole, Comedores escolares e Tardes divertidas. Desde o Concello deuse conta do carácter nutricional e de hábitos saudables co que conta o programa, o cal foi outro dos puntos positivos e destacados por parte do xurado.

Os programas de conciliación do Concello de Ames abarcan desde a primeira hora do día, cos Bos días coles, pasando pola comida principal nos Comedores escolares, ata a última hora coas Tardes divertidas. Ademais dentro destes programas tamén están incluídos os lúdicos, que teñen lugar nos períodos de vacacións de Entroido, Primavera, Setembro e Nadal, así como as Escolas de verán (xullo e agosto), xusto naquelas datas de maior dificultade de conciliación para as familias amesás.

Para acadar este premio o Concello tivo que presentar unha memoria na que se facía unha descrición do programa e na que había que destacar os obxectivos e as principais liñas de actuación. Ademais, seguindo os criterios do Premio, era necesario describir os recursos humanos necesarios para levar a cabo o proxecto, así como destacar o carácter innovador e a viabilidade do proxecto en caso de querer ser posto en marcha por outros Concellos.

Servizo nutricional e de saúde
Entre os diferentes aspectos analizados, un dos máis destacados e de maior peso na concesión do Premio foi o carácter innovador do Concili@mes á hora de apostar por un servizo de calidade, que ademais de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral, tamén aposta pola educación en hábitos saudables. A realización de menús saudables con produtos frescos e de temporada mercados no pequeno comercio local, e a posibilidade de afrontar as diferentes intolerancias e alerxias alimentarias que se dan entre os usuarios/as, foron aspectos moi valorados na designación do Premio.

Os diferentes programas de conciliación de Ames teñen como liñas de actuación prioritarias a Educación para a Saúde, a Educación para a Convivencia e a Educación para o Ocio.

O goberno municipal de Ames destaca “a nosa enorme satisfacción por este novo recoñecemento duns servizos municipais polos que se aposta decididamente, cun investimento directo, e que queremos que sigan medrando coa mellor calidade posible. Queremos compartir este premio con toda a comunidade educativa e co persoal do Concello que fai posible o día a día deste servizo e acada estes recoñecementos”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925