Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os Concellos de Ames,...


Os Concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago traballan nun plan turístico de sinalización para impulsar a Ruta Rosaliana

[03-12-2018] O pasado venres, 30 de novembro, a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, e a técnica municipal de turismo, Sonia Moure, reuníronse en Bertamiráns cos representantes e técnicos do departamento de turismo dos concellos de Brión, Padrón e Santiago, co obxectivo de avanzar na posta en marcha de medidas que impulsen a Ruta Rosaliana. Abordouse a creación dunha páxina web propia, a elaboración dun plan turístico de sinalización, da previsión de actividades e eventos para 2019 e de avanzar no expediente de solicitude para declarar esta ruta como ben de interese cultural. Nesta xuntanza tamén participaron técnicos das empresas Galicia Es+ e Girod.

As oficinas municipais do departamento de Urbanismo, en Bertamiráns, acolleron o pasado venres unha reunión entre os representantes e técnicos dos departamentos de Turismo dos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago, durante a que se buscaron acordos para impulsar a Ruta Rosaliana, que parte de Santiago de Compostela e percorre os tres concellos. Na xuntanza, por parte do Concello de Ames, participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, e a técnica municipal de Turismo, Sonia Moure.

Durante o encontro, os representantes dos catro concellos abordaron a posible creación dunha páxina web propia da ruta. Tamén falaron de elaborar un plan turístico de sinalización, no que se incorporen as novas tecnoloxías da información asociadas aos sistemas de sinalización intelixente, coa incorporación do novo sistema Beacon, para dar información personalizada a través dos dispositivos móbiles smartphones.

Por outra banda, traballouse na previsión de actividades e eventos de cara o ano 2019 e continuouse avanzando no expediente para facer a solicitude de declaración da ruta Rosaliana como ben de interese cultural, na categoría de guía cultural, ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

A iniciativa “As Pegadas de Rosalía” foi presentada polos concellos de Ames, Brión, Padrón e Santiago o pasado mes de xaneiro na Feira Internacional de Turismo (Fitur), co obxectivo de achegar a vida de Rosalía a toda a poboación. Ao longo desta ruta cultural, baseada no percorrido deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, poden visitarse os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

Itinerario circular
Trátase dun itinerario circular que parte da praza de Vigo, en Santiago de Compostela, e chega ao Panteón de Galegos Ilustres, despois de percorrer lugares vinculados á vida de Rosalía de Castro como San Xoán de Ortoño, a igrexa de Bastavales, en Brión, ou a colexiata de Iria Flavia, en Padrón. No pasado mes de maio realizouse unha visita guiada pola Ruta Rosaliana na que se visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Isabel González, destaca que “con esta nova ruta na que levamos traballando ao longo deste ano, o que pretendemos é achegar e dar a coñecer a vida e obra de Rosalía de Catro a toda a poboación dos concellos por onde discorre, pero tamén aquelas outras persoas que nos visitan dende puntos máis afastados. O principal obxectivo é que coñezan os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro, visitando os concellos polos que discorre dita ruta”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925