Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames conmemora este xoves, 6 de decembro, o 40 aniversario da Constitución

[05-12-2018] O Concello de Ames conmemora os corenta anos da Constitución vixente cun programa específico para a ocasión. A programación comezou este martes, 4 de decembro, cunha mesa redonda moderada pola xornalista Aida Pena, na que participaron os profesores da USC: José Julio Fernández e Antón Losada. O acto central do programa terá lugar este xoves, 6 de decembro, na Casa do Concello de Bertamiráns, onde se lles fará entrega das medallas aos alcaldes de Ames dende 1978.

A programación deseñada polo Concello de Ames para conmemorar os corenta anos da actual Constitución culmina este xoves 6 de decembro, Día da Constitución, cunha xornada de portas abertas na Casa do Concello de Bertamiráns. A partir das 10.30 horas, tanto representantes do tecido económico e social do concello como os cidadáns que así o desexen, realizarán unha lectura dos artigos da Carta Magna española.

O acto será conducido pola xornalista, Nazaret López, á que acompañará a música en directo do violinista e profesor Marcos Valcárcel. Durante a mañá, o actual alcalde de Ames, José Miñones, tamén fará a entrega de medallas aos alcaldes que gobernaron durante o período de vixencia da actual Constitución, D. Carlos Fernández e a D. Santiago Amor, posto que D. Xosé Astray non poderá asistir por motivos persoais.

Durante a mañá do xoves tamén se poderá visitar o salón de Plenos da Casa do Concello e asinar no libro da Cidadanía, co obxectivo de que os veciños e veciñas, que así o desexen, deixen a súa pegada na historia dos 40 anos de convivencia. Asemade, a veciñanza que desexe ler algúns dos artigos da Constitución deberá apuntarse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo atencioncidada@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 099 944.

Conversas con...
A programación para conmemorar os 40 anos da Constitución botou a andar este martes, 4 de decembro, cunha actividade denominada Conversas con..., moderada pola xornalista da Cadena Ser, Aida Pena. O faladoiro contou coa participación de José Julio Fernández, profesor de Dereito Constitucional da Universidade de Santiago de Compostela; e Antón Losada, xornalista, escritor e profesor de Ciencia Política, tamén na Universidade de Santiago de Compostela.

O acto, que foi presentado polo alcalde José Miñones, comezou cunha breve contextualización da época histórica na que xurdiu a Constitución de 1978. Durante a mesa redonda, os invitados reflexionaron sobre os corenta anos da Carta Magna española e tentaron dar resposta ás preguntas do público, tratando temas como a posibilidade de adaptala á sociedade actual, o papel do Senado, o problema territorial, a ampliación de dereitos sociais, ou o papel dos concellos.



Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925