Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A votación...


A votación polo/a mellor deportista de Ames do 2018 continúa aberta ata o venres 18 de xaneiro

[09-01-2019] Bertamiráns acollerá o vindeiro venres, 25 de xaneiro, a XIII Gala do Deporte municipal Concello de Ames, coa que se busca poñer en valor o deporte amesá e darlle visibilidade aos múltiples logros acadados polos deportistas do concello ao longo do ano. Durante o evento, no que se entregarán oito premios, tamén se fará entrega do premio do público, cuxa votación estará dispoñible na páxina web municipal ata o próximo venres, 18 de xaneiro.

A Concellaría de Deportes celebra este mes unha nova edición da súa Gala do Deporte, co obxectivo de homenaxear ás máis destacadas e destacados deportistas do concello, así como as entidades deportivas. As categorías destes premios, que procuran pór en valor o deporte amesán, son oito: mellor deportista masculino, mellor deportista feminina, deportista ou equipo máis destacado dun club, promesa masculina, promesa feminina, mellor club, recoñecemento especial, e o premio especial do público.

A enquisa para votar polo/a mellor deportista amesá do 2018 está dispoñible na páxina web municipal dende o 1 de novembro, e poderá votarse premendo no banner que está debaixo da sección de vídeos ata o vindeiro venres, 18 de xaneiro. Optan ao premio do público a patinadora Nadia Iglesias, o xogador de squash Borja Golán, a futbolista Nuria Rábano, a xogadora de baloncesto Blanca Millán e o padexeiro, Gabriel Martínez.

As votacións poderanse realizar ata o 18 de xaneiro de 2019, na páxina web municipal. O premio do público será entregado na décimo terceira Gala do Deporte. O resto de premios daranse a coñecer, ao igual que nas tres edicións anteriores, no momento da celebración do evento. Como soe ser habitual este evento reunirá aos clubs e entidades deportivas do concello, así como as deportistas máis destacados durante o 2018 en Ames.

O alcalde e concelleiro de Deportes, Jose Miñones, considera que "o nivel deportivo existente en Ames, tanto das promesas como dos deportistas adultos, está superando toda barreira imaxinable como así o demostran os resultados deportivos ao longo do ano 2018 dos candidatos e candidatas para a Gala do Deporte deste ano, o que vai facer moi difícil a elección dos mesmos". O alcalde tamén aproveita para “dar a noraboa a todos os deportistas que lograron xa o meritorio feito de estar nominados para este galardón de moi alto nivel, e que vai a provocar que algúns dos mellores deportistas de Galicia na súa especialidade queden sen galardón en Ames, o cal resalta o elevado nivel do deporte amiense no que seguiremos apostando”.

Premio do público
Nadia Iglesias, do Club de Patinaxe Artístico Maxia da Coruña, revalidou no 2018 o título de campioa de España de patinaxe artístico na categoría júnior. No mes de setembro tamén participou no campionato Europeo de patinaxe artístico nas illas Azores, no que conseguiu a medalla de prata na modalidade libre da categoría júnior, e neste mes de outubro participou no Mundial júnior de patinaxe, celebrado en La Vendée (Francia), no que quedou cuarta.

Pola súa banda, o xogador de squash, Borja Golán, que é profesional do squash desde 2002, proclamouse neste 2018 como bicampión de Europa de squash ao gañarlle na final ao británico George Parker. Deste xeito, Borja Golán, que xa foi campión de Europa en 2016, recuperou o seu cetro europeo. Ademais, conseguiu o seu décimo sexto campionato de España ao ganarlle na final ao catalán Iker Pajares.

No tocante a Nuria Rábano, durante o mes de agosto deste ano, xunto co resto de compañeiras da selección española feminina de fútbol, quedou subcampioa do Mundial sub 20. Foi a primeira vez que a selección española xogou un mundial nesta competición. Na actualidade Nuria é xogadora do R.C. Deportivo da Coruña, que milita no grupo 1 da Segunda división.

Tamén opta ao premio a xogadora de baloncesto, Blanca Millán, que compite na National Collegiate Athletic Association (NCAA) formando parte da Universidade de Maine. Nesta segunda temporada o seu equipo proclamouse campión da súa conferencia e Blanca foi recoñecida a nivel individual como mellor xogadora da final e nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia Este, así como no mellor quinteto xeral.

A quinta opción é votar polo padexeiro, Gabriel Martínez, que durante este ano proclamouse campión de España júnior K-1 200 metros, subcampión de España K-2 200 metros e participou coa selección Española no Mundial júnior de Plovdiv (Bulgaria) en K-1 200 e K-4 500 metros.

Deportista masculino máis destacado de Ames
Na categoría de Deportista masculino máis destacado de Ames, os candidatos son o xogador de baloncesto Pablo Hernández Montenegro, que leva tres anos en Estados Unidos e acaba de pechar a mellor campaña da Universidade dos últimos doce anos. Neste 2018 acadou o cuarto lugar na American Midwest Conference da NAIA, na que tamén estivo no segundo mellor quinteto. Ademais, figura na lista dos 63 atletas estudantes de baloncesto da División I nomeado pola Asociación Nacional de Atletismo Interuniversitario, e foi recoñecido coa mención NAIA All-American Honorable Mention e co premio Emil S. Liston Award. Tamén optan o xogador de squash Borja Golá, campión de Europa por segunda vez e campión de España por decimo sexta, e Guillermo Carracedo, campión galego de copa e circuíto de paddle surf, campión de España de circuíto e subcampión da copa, quedou terceiro de Europa e undécimo do Mundo en paddle surf.

Deportista feminina máis destacada de Ames
Na categoría de deportista feminina máis destacada de Ames as candidatas son a xogadora de tenis Celia Montero, subcampioa júnior individual, subcampioa dobres mixtos absolutos e semifinalista en dobres feminino absoluto nos campionatos galegos, mentres que se alzou como campioa no torneo Mercer University Individual e subcampiona no Florida State University; a patinadora Nadia Iglesias, que se alzou como campioa de España júnior, subcampioa de Europa júnior e cuarta no campionato do mundo júnior de patinaxe artística; e a xogadora de baloncesto Blanca Millán, campioa da conferencia Este da Liga Universitaria Americana e mellor xogadora da final, foi nomeada nos mellores quintetos ofensivo e defensivo da conferencia, así como no mellor quinteto xeral. Tamén estivo concentrada coa selección nacional no previo ao Europeo.

Deportista/ equipo máis destacada/o dun club de Ames
O equipo masculino de Superliga 2 de voleibol do CV Bruxas é o primeiro dos candidatos ao deportista/equipo máis destacado/a dun club de Ames polo seu primeiro ano de competición na división de prata nacional, a segunda categoría máis alta a nivel nacional, onde quedou en novena posicións dun total de once equipos. Tamén opta a este premio o equipo feminino do primeiro equipo do FC Meigas, que no 2018 conseguiu o ascenso a máxima categoría galega, e conta coa terceira mellor goleadora provincial e tanto o equipo técnico como varias das xogadoras foron tanto ao campionato galego como ao de España.

Outro dos posibles galardoados nesta categoría é Gabriel Martínez, do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre. Entre outros títulos, sobresaen na categoría júnior o de campión de España de pista en K-1 200 metros e de K-2 200 metros, formando parella con Ángel González, ademais de ir coa selección española ao Mundial júnior de Plovdiv en K-1 200 e K-4 500m. Tamén opta Daniel Mato, campión de España e campión galego na categoría cadete en lanzamento de xabalina, así como bronce no galego cadete ao aire libre en 300 ml e membro da selección galega cadete.

Promesa masculina máis destacada de Ames
Cinco son os candidatos á categoría de promesa masculina máis destacada. Por unha banda, Samuel Míguez, campión galego de 100 e 200 metros braza, oitavo no campionato de España de 200m braza, foi convocado para o Grupo Especial de Seguimento da Federación Galega de Natación; así como Daniel Carinena, bronce no campionato de España individual infantil de tríatlons, campión galego infantil de pista cuberta en 60m e en lanzamento de disco, e subcampión en 80m, campión provincial infantil 80m e en lanzamento de disco, ademais é membro do equipo infantil posuidor do record galego de 5x80 e do equipo sexto no campionato de España por equipos.

Arón Astray participou coa selección española sub-17 e sub-19 no Campionato de Europa de selección onde a primeira quedou no terceiro posto e a segunda como sétima clasificada. A nivel nacional, destaca o terceiro posto no campionato de España sub-19 e o subcampionato coa sub-17, así como o campionato galego en ambas categorías no campionato de España de Seleccións Autonómicas. Tamén opta Alejandro Cereijo, terceiro no campionato galego sub10 de xadrez, conseguiu o ascenso a segunda división e o campionato do grupo D de terceira división na Liga Galega co equipo EXC Sabrina Vega. 2º galego do campionato de España sub10 rápidas, 4º en lentas, campión premundial sub10, 4º español do mundial sub10 e oitavo español no ranking ELO Fide 1669.

Por último, tamén é candidato ao premio David Rico, campión galego en kata alevín masculino e en kata por equipos alevín mixto, membro da selección galega desde o 2016, sétimo na liga nacional en kata alevín masculino.

Promesa feminina máis destacada de Ames
A xadrecista Nerea Cereijo é a campioa galega feminina sub10, conseguiu o ascenso a segunda división e o campionato do grupo D de terceira división na Liga Galega co equipo EXC Sabrina Vega. 3ª do campionato de España feminino sub10 rápidas, 5ª en lentas, campioa premundial feminino sub10, 3ª española do mundial feminino sub10 e primeira española no ranking ELO Fide 1669. En baloncesto, alzouse como campioa local co equipo Premini Feminino do Peleteiro, quintas clasificadas na fase galega , e foi ás convocatorias das Concentracións CETI coa selección galega premini.

A segunda candidata é Alicia Lariño, patinadora da categoría benxamín nacional, campioa do Trofeo Deputación da Coruña, subcampioa do Trofeo Xunta de Galicia e do campionato provincial en Ribeira, así como no campionato galego en Caión e campiona do VII Trofeo Concello de Oroso e campioa do IV Trofeo Concello de Ordes. Pecha a lista Malena Pellegrino, que no 2018 pasou a formar parte da plantilla do primeiro equipo sénior autonómica, converténdose na xogadora máis nova en competir nesta categoría, aínda que compite tamén en cadete autonómica. Xogou seis partidos nesta primeira liga, ata que sufriu unha rotura de ligamento cruzado, o que non evitou que seguise asistindo aos adestramentos do club como monitora.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925