Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O proxecto “Somos o...


O proxecto “Somos o que comemos” do CEIP de Barouta gaña un premio no V Concurso de Traballos por Proxectos da Xunta de Galicia

[09-01-2019] O CEIP de Barouta ven de gañar un dos premios outorgados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao abeiro da quinta edición do Concurso de Traballos por Proxectos baixo a coordinación da biblioteca escolar polo seu proxecto de investigación Somos o que comemos. Dito proxecto documental foi desenrolado polo alumnado e os distintos departamentos educativos do centro ao longo do curso 2017/18. O galardón inclúe unha dotación económica de 2.000 euros para o centro.

Durante o estudo, que competiu na categoría de proxectos de carácter interdisciplinario, tentase darlle resposta á pregunta de porqué remata o plástico nos océanos e mares. Así, o proxecto divídese en dúas etapas, unha primeira na que se busca coñecer como se produce todo ese residuo, o que se relaciona directamente coa alimentación, e unha segunda parte enfocada na ecoloxía, na que se pretende coñecer como se recicla e como debería facerse. A primeira parte, que foi a gañadora deste galardón, desenvolveuse durante o curso 2017/18, mentres que a segunda está sendo desenvolvida no centro neste curso.

Asemade, dito traballo de investigación non só está enfocado a afondar na problemática dos verquidos de plástico aos mares, senón que tamén ten como obxectivo concienciar aos cativos e cativas facéndoos coñecedores de primeira man das consecuencias e a amplitude desta situación.

Somos o que comemos foi presentado na categoría de Proxectos Documentais Integrados polo seu carácter interdisciplinario. Para participar nesta categoría, o proxecto debe ser coordinado dende a biblioteca escolar e contar coa participación de máis do 40% dos grupos-aula do centro. O concurso tamén conta coas categorías Proxectos de investigación, para aqueles dirixidos por profesorado dun grupo/nivel/ciclo ou departamento, e Proxectos de investigación intercentros.

Dende fai tres anos, o CEIP de Barouta realiza todos os anos unha investigación sobre un tema que se escolle ao comezo do curso para, despois, ser desenvolto polo alumnado e os distintos departamentos do centro. A investigación, que ocupa todo un curso escolar, culmina cunha exposición na que se mostran as distintas conclusións do estudo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925