Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A agrupación...


A agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Ames conta cun novo vehículo

[16-01-2019] O alcalde de Ames, José Miñones, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos e presidente da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil, Blas García, e representantes da agrupación acudiron esta mañá A Coruña, onde recibiron un novo vehículo para o corpo operativo de mans do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. Ao longo do 2018, o equipo de Protección Civil realizou un total de 1.334 intervencións.

Esta mañá, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, fíxolle entrega dunha pick-up á Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames. Ao acto de entrega acudiron José Miñones, alcalde de Ames, e Blas García, concelleiro de Obras e Servizos Básicos e presidente da Agrupación de voluntarios/as de Protección Civil de Ames. A solicitude do vehículo produciuse ao abeiro dunha subvención de concorrencia competitiva posta en marcha pola Xunta.

O vehículo, unha pick-up Nissan Navara, conta cun botiquín, dúas lanternas, un cabrestante e demais equipamento. A través deste vehículo, que supón un recoñecemento ao traballo realizado polos equipos de Protección Civil, mellorará sensiblemente o traballo da agrupación do concello, que ata o de agora contaba cun Nissan Qashqai e un Dacia Duster para desenvolver o seu traballo.

Con motivo desta entrega, José Miñones sinalou que “a recepción deste vehículo supón un impulso e un recoñecemento á importante labor que está a desempeñar Protección Civil de Ames, e en especial os voluntarios e voluntarias da agrupación”. Asemade, quixo lembrar que “en pouco máis dun ano de traballo, están a realizar tarefas tan importantes para o concello como a intervención en operativos de urxencia, a recollida de animais ou o control e eliminación da praga de vespa velutina”

Máis dun milleiro de intervencións de Protección Civil
Durante o 2018, o equipo de Protección Civil participou en 1.334 operativos do 112. Interviñeron nun total de 160 accidentes en estrada; 264 retiradas de animais soltos; 7 asistencias sanitarias; 105 avisos pola presencia de niños de avespas velutinas; 63 incidencias de circulación; 210 operativos de AVPC; 1 apertura de praia; 4 requirimentos das forzas de seguridade; 9 accións de salvamento ou rescate; 4 solicitudes de información xeral; 11 intervencións por vertidos e 496 incidencias doutras índoles.

Este corpo, operativo dende setembro de 2017, está composto por unhas 40 persoas voluntarias, que traballan de xeito coordinado coa Policía Local. Ademais, prestan axuda en materia de emerxencias, incendios forestais, tráfico e eventos deportivos/culturais.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925