Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames realízalle unha recepción ao CEIP de Barouta

[01-02-2019] Este xoves, 31 de xaneiro, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, acompañado de varios concelleiros e concelleiras do grupo de goberno e da Corporación municipal realizáronlle unha recepción ao equipo do CEIP de Barouta, con motivo dos distintos premios acadados polo centro nos últimos meses. Este acto forma parte dunha serie de recepcións que o Concello de Ames realiza como recoñecemento a veciños e veciñas de Ames con logros destacados en diversos ámbitos.

O salón de plenos da Casa do Concello de Ames acolleu este xoves unha recepción de recoñecemento á labor educativa desempeñada polo CEIP de Barouta, premiada con varios premios nos últimos meses. Durante o acto, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e varios membros do goberno municipal e dos grupos con representación da Corporación municipal recibiron ao director Alonso Caxade, a representantes do profesorado e da comunidade educativa do centro, e varias alumnas e alumnos.

Este evento encádrase dentro dunha serie de recepcións que o Concello está a celebrar con motivo dos numerosos logros acadados por veciñas/os e grupos municipais. No caso do CEIP de Barouta, a súa importante labor educativa cristalizou nos últimos meses nos premios acadados no V Concurso de Traballos por Proxectos, co proxecto Somos o que comemos, e no V Concurso Proxecta Innovación con Embaróuta-T: nó sostible.

O concelleiro de Educación, David Santomil, destaca “o excelente traballo que se está a realizar dende o CEIP de Barouta, que o converte tanto nun dos centros de referencia da comarca como a nivel galego”. Por este motivo, dálle os “parabéns, tanto ao equipo directivo como ao profesorado, pola labor que están a desempeñar, que se ve reforzada polos recoñecementos acadados”. Unha labor educativa recoñecida
A comezos de xaneiro deste 2019, o CEIP de Barouta acadou un dos premios outorgados pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional ao abeiro do V Concurso de Traballos por Proxectos baixo a coordinación da biblioteca escolar polo seu proxecto de investigación “Somos o que comemos”. Mediante este traballo de investigación, desenrolado polo alumnado e os distintos departamentos educativos do centro, buscase coñecer como se produce todo o residuo plástico que remata nos océanos. Así, o proxecto divídese en dúas partes: a primeira relacionase directamente coa alimentación, realizada no curso 2017/18, e unha segunda parte enfocada na ecoloxía, neste 2018/19. A primeira parte foi a gañadora do galardón.

Por outra banda, o pasado mes de xuño o proxecto "Embaróuta- T: nó sostible" acadou o primeiro premio da quinta edición do concurso Proxecta Innovación, un certame de ideas para a aula que organiza a Plataforma Proxecta, espazo educativo da Fundación Amancio Ortega e da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre.

Dito proxecto xira en torno á transformación do propio centro, a través da robótica e o tratamento de residuos, nunha smartschool: nun colexio intelixente, conectado e vinculado a calquera parte do mundo e onde se promovan aprendizaxes significativas desde as capacidades e orientados ás expectativas dos alumnos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925