Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A UCGAL e Ecoembes...


A UCGAL e Ecoembes organizan un Workshop sobre economía circular e consumo responsable en Bertamiráns

[02-02-2019] O salón de plenos da Casa do Concello de Ames, en Bertamiráns, acollerá o vindeiro xoves, 7 de febreiro, ás 20:00 horas, o Workshop ‘Que facemos cos residuos? Cidadanía, consumo e sustentabilidade’, organizado pola Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) e Ecoembes, coa colaboración do Concello de Ames. Esta actividade gratuíta está especialmente dirixida aos comerciantes e entidades ecoloxistas pero está aberta a todas aquelas persoas que desexen asistir.

O obxectivo do Workshop é presentar os retos que afrontamos no tratamento de residuos e dar a coñecer propostas e liñas de actuación favorables co medio ambiente como a economía circular e o consumo responsable. Así mesmo, abordaranse dúas cuestións de actualidade como son a nova normativa sobre bolsas de plástico e o abandono de lixo na natureza. O workshop terá unha duración máxima 45 minutos e será impartido por un experto de Ecoembes.

Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.

Os técnicos da UCGAL atenden ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, anima aos membros das distintas asociacións municipais de empresarios/as e comerciantes, así como a veciñanza en xeral, a que se acheguen á Casa do Concello, o próximo xoves, 7 de febreiro, para poder ampliar os seus coñecemento sobre a economía circular e o consumo responsable.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925