Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Ames preparou unha...


Ames preparou unha ampla, variada e participativa programación para conmemorar o día de Rosalía

[12-02-2019] O Concello de Ames volverá render homenaxe a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, desenvolvendo unha serie de iniciativas agrupadas na programación “Ames con Rosalía”. O propio 24 de febreiro, efeméride do nacemento da autora, realizarase unha gala poético-musical que contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación de Rosa Cedrón. Para alén diso, a programación tamén engloba diferentes iniciativas como “Rosalía tamén vive aquí”, no ámbito educativo; “Rosalía tamén é nosa”, unha iniciativa que pretende encher as redes sociais de vídeos curtos con textos de ou para Rosalía, en boca da veciñanza de Ames ou de calquera outro lugar. “Viaxando con Rosalía”, unha excursión poética á casa de Rosalía coa escritora María López Sández, encargada de achegarnos a figura e a obra rosaliana nesta viaxe. Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, as diferentes actividades programadas teñen como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano entre a veciñanza do concello.

O nacemento de Rosalía de Castro será conmemorado en Ames cunha programación variada e participativa dirixida e deseñada para e coa veciñanza. A programación, que pretende difundir a figura de Rosalía, conta coa colaboración dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino municipais.

O obxectivo principal da programación é o de difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade de Rosalía de Castro. Así mesmo, a programación busca resaltar o vínculo do Concello de Ames coa escritora e socializar entre a veciñanza a figura da autora.

Rosalía tamén vive aquí
Os centros de ensino amesáns, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, van levar adiante unha iniciativa que, como as anteriores, procura socializar a figura de Rosalía de Castro entre a veciñanza. A iniciativa Rosalía tamén vive aquí, que parte dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros escolares de infantil e primaria, pretende levar a imaxe e os versos da autora homenaxeada ata os portais das nenas e nenos do concello. Ao longo deste mes, tamén se poderán encontrar versos de Rosalía en diferentes xardíns de Bertamiráns e do Milladoiro grazas a unha iniciativa levada a cabo polos colexios de Educación Infantil do Milladoiro e da Maía de Bertamiráns.

Rosalía tamén é nosa
Esta iniciativa pretende encher as redes sociais de vídeos curtos con textos de ou para Rosalía, en boca da veciñanza de Ames ou de calquera outro lugar. Para isto, o concello publicará a través da súa páxina de Facebook 9 vídeos curtos nos que persoas de diferentes ámbitos interpretarán textos de Rosalía. Estes vídeos pretenden servir como modelo e animar á veciñanza a que grave os seus propios vídeos e os comparta nas súas redes sociais (Facebook e Instragram) co cancelo #RosalíaTaménÉNosa.

Quen o desexe pode enviar o seu vídeo e autorización para publicalo a normalizacion@concellodeames.gal para que se comparta na rede do concello.

Para a realización da actividade o concello contou coa colaboración de Xián Ardións, Kika de Andrade, Daniel Vilaverde, Anna R. Figueiredo, Josito Porto, Luz Santos, Borja Golán, Patricia de Lorenzo e Maximino Viaño.

Gala poético-musical Rosalía de Castro
O domingo, 24 de febreiro, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá, a partir das 18:00 horas, unha homenaxe poética musical a Rosalía de Castro. O acto central da conmemoración, cuxa entrada será libre e gratuíta ata completar aforo, contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación musical de Rosa Cedrón. No acto participarán o alumnado dos centros escolares de Ames, representantes de asociacións e do ámbito cultural, así como veciñas e veciños procedentes doutros países.

Viaxando con Rosalía
O sábado, 23 de febreiro, realizarase unha excursión poética que incluirá unha visita á Casa de Rosalía na Tarroeira en Ortoño, lugar onde a autora pasou os seus primeiros anos de vida. Alén da parroquia de Ortoño, as persoas participantes tamén visitarán Bastavales, en Brión, onde se atopa a igrexa cuxas campás protagonizaron un dos versos máis soados da autora. Así mesmo, a excursión tamén incluirá unha visita á Casa Museo de Rosalía en Padrón, máis coñecida como "Casa da Matanza". Durante a excursión, a escritora amesá e estudosa da figura de Rosalía de Castro, María López Sández, achegaranos á vida da homenaxeada e á súa obra.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 21 de febreiro. Para reservar praza, será preciso enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal. A praza será confirmada a través dun correo electrónico de resposta. O prezo da excursión é de 1,5 euros, a tarifa de entrada á Casa-Museo de Rosalía. O día da excursión, a saída en autobús producirase ás 10:00 horas, no Milladoiro, e ás 10:15h, en Bertamiráns.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925