Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O CEIP de Barouta...


O CEIP de Barouta celebrou hoxe a súa III Carreira Solidaria a prol do Banco de Alimentos de Ames

[13-02-2019] O CEIP de Barouta realizou esta mañá a terceira edición da súa carreira solidaria, na que participaron mestres/as, familias e alumnado do propio colexio, así como do EEI Cobas, e de sexto de primaria do CEIP de Agro do Muíño de do CEIP A Maía. Baixo o lema “Barouta Móvese pola Paz”, o colexio pretendeu implicar a toda a comunidade nun acto solidario co que se recadaron recursos para o Banco de Alimentos do Concello de Ames.

A III Carreira Solidaria celebrouse a mañá deste mércores, 13 de febreiro, despois de que tivese que ser aprazada por mor do mal tempo previsto para o 30 de xaneiro, primeira data para a que estaba fixada. O evento, organizado polo CEIP de Barouta en colaboración co Concello de Ames, a ANPA San Mauro e diversas organizacións e entidades tanto públicas como privadas, conmemora o Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

O obxectivo desta iniciativa foi recadar o maior número de recursos posibles para o Banco de Alimentos do Concello de Ames, recollendo aceite, azucre, cacao en po, así como outros bens non perecedoiros, produtos de limpeza e de aseo persoal. Os alimentos recadados serán entregados ao Concello, responsable da súa distribución. Coa finalidade de superar a case media tonelada de alimentos recadada o ano pasado, o CEIP de Barouta xa estivo recibindo produtos ao longo destes días.

A carreira comezou ás 12:00 horas, tendo lugar ás 11:30h o quecemento e a entrega de dorsais. Os padriños do evento foron Pedro Nimo e Paula Mayobre. Ao rematar a carreira, cada crianza recibiu unha mochila cunha pequena merenda e unha medalla, que o alumnado elaborou nun obradoiro de cerámica do colexio, onde as fabricaron e decoraron.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925