Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Únete ao...


Únete ao programa “Conectad@s”, un rexistro voluntario de persoas que viven soas

[14-02-2019] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Servizos Sociais, presentou este mércores, 13 de febreiro, no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, o programa “Conectad@s”. Trátase dunha nova iniciativa posta en marcha polo Concello, a través do cal se vai a elaborar un rexistro voluntario para persoas que viven soas. Sobre esta iniciativa e outros programas dirixidos ás persoas maiores e persoas que viven soas, tratou a charla “Recursos para persoas que viven soas”, que impartiu o traballador social, Jesús A. Tato, e na que tamén colaborou a psicóloga municipal, Mónica Antelo. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no programa Conectad@s.

O técnico municipal Jesús A. Tato, traballador social, impartiu este mércores, 13 de febreiro, unha charla, no local social do Club de xubilados e pensionistas do Milladoiro, sobre os recursos que pode ofrecer o Concello de Ames para persoas que viven soas. Nesta actividade tamén colaborou a psicóloga municipal, Mónica Antelo. Moitas persoas achegáronse ata o local de Jupemi para asistir a esta charla. Alí puideron coñecer máis a fondo diversos programas como o Servizo de Axuda no Fogar; Xantar na Casa; Teleasistencia domiciliaria; e Conectad@s.

Esta actividade serviu para presentar o programa Concetad@s. Trátase dun rexistro voluntario para persoas que viven soas que pon en marcha a Concellaría de Servizos Sociais. Esta iniciativa está cofinanciada pola Obra Social da Fundación La Caixa. A través desta nova iniciativa municipal trátase de que os Servizos Sociais fagan un seguimento efectivo de todas aquelas persoas maiores e persoas que viven soas nos seus domicilios evitando ou previndo situacións de risco derivadas da vida en soidade como poden ser o illamento, detección rápida de problemas derivados de accidentes domésticos, enfermidades, etc.

O programa tamén contará con accións de carácter preventivo e intervención directa das situacións detectadas co obxectivo de paliar o sentimento de soidade nas persoas, contando con elas como axentes principais do seu cambio, recoñecendo as súas necesidades, os seus desexos e a súa capacidade para afrontalo. Para informarse ou inscribirse neste novo programa xa se pode chamar aos números de teléfono dos Servizos Sociais: 981 535 941 (O Milladoiro) ou 981 890 964 (Bertamiráns). Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición no programa Conectad@s.

A concelleira de Servizos Sociais, Luísa Feijóo, destaca que “aínda que neste rexistro voluntario se pode apuntar calquera persoa que viva soa, con independencia da súa idade, está pensado sobre todo para aquelas persoas do noso Concello que xa teñen unha idade. Aínda que somos un Concello moi novo non podemos esquecer que tamén temos unha porcentaxe importante de persoas maiores de 65 anos. O envellecemento da poboación é un dos retos que temos que abordar como Administración, temos que promover unha terceira idade activa e con calidade de vida. Os nosos maiores teñen que seguir aprendendo, ensinando e participando, e temos a obriga de facilitarlles os mecanismos necesarios para evitar o seu illamento e facilitar a súa implicación social”.

“Aínda que xa temos en marcha programas de envellecemento saudable como as actividades de Amessán, Sanauga, a axuda no fogar… existe a probabilidade de que se de situacións de soidade non desexada e de aí a necesidade de poñer en marcha este programa que lles proporcione ese contacto directo cos servizos do Concello”, indicou Luísa Feijóo. Outros programas dirixidos aos maiores
O Servizo de Axuda no Fogar ofrécese en dúas modalidades: libre concorrencia, que xestiona directamente o Concello, e maila modalidade de dependencia. No Servizo de Axuda no Fogar aténdese a persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carecen de apoio persoal no seu medio inmediato, así como fogares con menores, cando se observa a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo.

O programa Xantar na Casa vén de poñerse en marcha no Concello de Ames. Xantar na Casa basease na entrega de menús preparados para toda a semana a persoas con déficit de autonomía, maiores, dependentes ou persoas en situación ou en risco de exclusión, que non poden cubrir as súas necesidades básicas por si mesmas. Trátase dun servizo cofinanciado polas administracións e as persoas beneficiarias, no que a Xunta de Galicia sufraga aproximadamente o 50% do importe de cada menú, outro 25% o paga o Concello e o 25% restante o usuario ou usuaria.

Por último, falouse do programa de Teleasistencia domiciliaria. Na vertente pública existen dúas modalidades para acollerse ao programa de teleasistencia. Unha é a que recolle a lei de dependencia da Xunta de Galicia e outra a que ofrece a Deputación da Coruña. Para poder optar a da Xunta de Galicia hai que ter recoñecido un grao de dependencia, pero non é necesario ter 65 anos. No caso do programa da Deputación da Coruña si que é necesario ter cumpridos os 65 anos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925