Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Constitúese a...


Constitúese a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega

[15-02-2019] O Pazo de Raxoi, en Santiago de Compostela, acolleu esta mañá o acto de constitución da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. Impulsada por un total de quince concellos, entre os que se atopa Ames, a entidade ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma galego. Ao acto acudiron a concelleira de Normalización Lingüística de Ames, Isabel Vaquero, a técnica municipal, Rosa Moreiras, e responsables da política lingüística de todos os concellos integrantes do proxecto.

Durante a xornada tamén se aprobaron os estatutos da asociación, estableceuse a súa sede en Rianxo e designouse o equipo administrativo da mesma. Así, o Concello de Rianxo faise cargo da Presidencia, Pontevedra da Secretaría, O Grove da Vicepresidencia e Ames da Tesourería; mentres que Narón, Rois e Santiago foron nomeados como vogais.

A asociación está formada polos concellos de A Baña, A Coruña, Ames, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago, Teo e Vilagarcía. Moitos destes municipios xa están colaborando en proxectos conxuntos como o Apego, o certame Youtubeir@s, o Club de Debate ou o proxecto Enreguéifate, iniciativas en prol da normalización lingüística.

Neste senso, o obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925