Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias Inscríbete...


Inscríbete para participar no Trail e andaina Ribeiras do Tambre do vindeiro 3 de marzo

[18-02-2019] O Concello de Ames e a Federación Galega de Atletismo organizan o Trail e Andaina Ribeiras do Tambre o domingo 3 de marzo. Dita proba está encadrada na especialidade atlética do Trail-Running e pertence ao calendario oficial da Federación Galega de Atletismo, polo que estará baixo o control técnico do Comité Galego de Xuíces da Federación. A saída do trail terá lugar ás 10.00h de Ponte Maceira, dende onde sairán tamén os participantes da andaina ás 10.05h. Para participar nalgunha destas actividades, é necesario inscribirse na páxina www.carreirasgalegas.com antes do 28 de febreiro.

Ponte Maceira é o lugar escollido como punto de saída da primeira edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que terá lugar o domingo 3 de marzo. Ao longo da mañá, realizarase un trail e unha andaina ata o Real Aeroclub de Santiago, situado na Ameixenda, onde estará instalado o punto de meta. Así, o trail comezará ás 10.00h, e constará dun percorrido duns 16 quilómetros, cun desnivel positivo duns 405 metros e un desnivel acumulado de 635 metros. Pola súa banda, os e as participantes da andaina sairán ás 10.05h, e percorrerán arredor de 15 quilómetros, cun desnivel positivo duns 340 metros e un desnivel acumulado de 535 metros. Ambas probas contarán con dous puntos de avituallamento e con servizo de fisioterapia.

Na andaina non se establecerán categorías de participación, e poderán intervir menores de idade de ate 10 anos, sempre que vaian acompañados/as por un adulto. No tocante ao trail, estableceranse un total de cinco categorías: senior masculina e feminina, na que se encadrarán os participantes de 18 anos ate master; master 1 masculina/feminina, nados entre 1979 e 1984; master 2 masculina e feminina, nados de 1970 a 1978; master 3 masculina e feminina, nados no 1969 ao antes; e absoluta masculina e femininas, que englobará a calquera das categorías anteriores.

A entrega de premios realizarase a partir das 12.30h nas instalacións do Real Aeroclub. Recibirán premios os tres primeiros clasificados de cada categoría, os catro primeiros clubes da clasificación do trail, e os tres primeiros equipos, tanto federados como populares. Todos os participantes do trail e a andaina recibirán un agasallo técnico pola súa participación, que poderán recoller xunto ao dorsal antes do comezo das probas.

Recollida de dorsais e inscrición
A recollida de dorsais realizarase a partir das 8.30 horas nas instalacións do Real Aeroclub na Ameixenda e, a continuación, os participantes serán trasladados ata Ponte Maceira, o punto de saída das probas. Así, habilitarase autobuses a partir das 8.30h para trasladar aos inscritos en ambas probas ata o punto de saída.

Para participar será necesario inscribirse antes das 23.59 horas do 28 de febreiro a través da seguinte ligazón. O custo da inscrición na andaina é de 7 euros, mentres que para participar no trail o prezo son 11 euros. Pode obter máis información no regulamento deste evento deportivo, ao que pode acceder premendo no enlace dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova.

Esta actividades está organizada polo Concello de Ames e maila Federación Galega de Atletismo, o evento conta coa colaboración do Real Aeroclub de Santiago, Gonzacar, Pazo de Anzuxao, Tropic e Frutas Compostela.

Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925