Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Volven as...


Volven as sesións de contacontos ás bibliotecas municipais e aos locais sociais de Bugallido e Augapesada

[09-03-2019] A Concellaría de Educación e Cultura ten programado para este mes de marzo oito novas sesións de contacontos, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns, así como nos locais sociais de Bugallido e Augapesada. Este tipo de actividades de animación á lectura están dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta. Ademais, o luns 11 e o martes 12 de marzo, as bibliotecas impartirán un obradoiro no que os e as cativas poderán deseñar e realizar as súas propias máscaras.

Durante o mes de marzo, as bibliotecas municipais de Ames e mailos locais sociais de Augapesada e Bugallido acollerán varias actividades de animación á lectura, que consistirán en oito sesións de contacontos. Ademais, realizaranse dous obradoiros de máscaras para celebrar o Entroido. Todas estas actividades son de balde. As sesións de contacontos están dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos.

Os locais sociais de Augapesada e Bugallido retoman a súa actividade con novas sesións de contacontos programadas para marzo. Así, a programación de contacontos no rural comeza en Augapesada este luns, 11 de marzo, coa narración do conto do elefante multicor Elmer. No local social de Bugallido, esta sesión terá lugar o martes, 12 de marzo, á mesma hora. A segunda das sesións de contacontos nas parroquias desenvolverase o vindeiro luns, 25 de marzo, coa lectura do conto A vaca que puxo un ovo. Esta sesión terá lugar ás 18.00h o luns en Augapesada e o martes 26 en Bugallido.

Por outra banda, haberá novas sesións de contos nas bibliotecas municipais. A primeira das sesións de contacontos terá lugar o mércores, 13 de marzo, na biblioteca do Milladoiro baixo o título 1, 2, 3 sen mover as mans nin os pés, e ao día seguinte, 14 de marzo, en Bertamiráns. O 27 de marzo os nenos que se acheguen á biblioteca de Bertamiráns poderán gozar do conto Non todo é o que parece, mentres que a narración no Milladoiro terá lugar o día 28. Estas sesións comezarán ás 17:30 horas.

Obradoiro de máscaras de Entroido
Ademais, o luns 11 e o martes 12 de marzo, as bibliotecas celebrarán un obradoiro no que os e as cativas poderán deseñar e realizar as súas propias máscaras. Este taller realizarase o luns na biblioteca de Bertamiráns e o martes na do Milladoiro, a partir das 17.00 horas. Para participar nestas actividades houbo que inscribirse previamente.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925