Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Os Espazos para...


Os Espazos para Reflexionar deste mércores xirarán en torno ao Trastorno por déficit de atención e hiperactividade

[12-03-2019] Diana Muñoz Leira, coach especialista en intelixencia emocional e TDAH e colaboradora do Instituto Galego do TDAH e trastornos asociados, será a encargada de conducir este mércores, 13 de marzo, unha nova sesión dos Espazos para Reflexionar. A charla, que terá lugar no Salón de Actos do IES Milladoiro, versará sobre o Trastorno por déficit de atención e hiperactividade e nela ofreceráselle ás familias unha serie de pautas saudables de dinámica familiar para que os cativos e cativas poidan desenvolver as súas capacidades de maneira adecuada. O proxecto de Espazos para Reflexionar, que naceu o curso anterior da man da ANPA Milla en colaboración co instituto do Milladoiro, abarca este ano a toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa implicación das ANPAS das escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da escola infantil municipal A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

O Salón de Actos do IES Milladoiro acolle este mércores unha nova charla ao abeiro do programa Espazos para Reflexionar. Nesta ocasión, o coloquio terá como tema central o TDAH, co obxectivo de informar e orientar aos familiares de nenos/as afectados sobre este tipo de trastorno. Por tanto, durante a charla falarase de que é o TDAH, as súas causas e síntomas, como se diagnostica que tratamentos se ofrecen, e as súas dificultades asociadas, de maneira que as familias conten con toda a información posible para coñecer a situación das nenas e nenos con déficit de atención e hiperactividade.

A encargada de conducir este espazo será Diana Muñoz Leira, socióloga, traballadora social e coach especialista en intelixencia emocional e TDAH, así como colaboradora do Instituto Galego de TDAH e trastornos asociados (INGADA). Así, esta especialista tentará solucionar todas as dúbidas dos/as asistentes e ofrecerlles unha serie de pautas saudables para que os cativos/as poidan desenvolver da mellor maneira posible as súas funcións de aprendizaxe e socialización, tanto no ámbito familiar como no escolar. Ao igual que en anteriores charlas, o obxectivo será que as propias familias compartan as súas experiencias, expectativas e ideas para aprender xuntos e concluír a mellor forma de abordar este tema.

Unha iniciativa apoiada por toda a comunidade educativa do Milladoiro

A iniciativa Espazos para reflexionar conta co apoio da Concellería de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Ames e o IES Milladoiro. Cada unha das charlas realizadas ao abeiro deste programa están dirixidas principalmente a nais e pais, avoas e avós ou persoas que queiran ter fillas e fillos. No curso 2018/19, realizáronse varias sesións sobre múltiples temas como a diversidade enfocada no ámbito sexual, a educación en positivo, a autonomía dos pequenos e pequenas, a importancia de descodificar as necesidades dos/as adolescentes potenciando a súa autonomía, ou as altas capacidades.

Os Espazos para reflexionar naceron o pasado curso da man da ANPA Milla en colaboración co IES do Milladoiro. Na actualidade, o proxecto conta coa implicación de toda a comunidade educativa da localidade, ao contar coa participación das ANPAS da escola infantil A Galiña Azul Figueiras – Ames, da EIM A Madalena, da EEI Millapeques e da ANPA As Brañas do CEP de Ventín.

A finalidade deste proxecto é tentar dar resposta a determinados aspectos educativos vinculados ao significado de medrar hoxe en día, á imposición dos límites desde a autoridade ou aos procesos de mudanza durante a adolescencia. Deseñados como charlas-obradoiros, os Espazos están baseados na presentación de casos prácticos e na reflexión en común sobre os mesmos, a través de dinámicas de grupos que tornan as sesións prácticas e amenas.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925