Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Participa na Foliada...


Participa na Foliada con Apego do próximo venres 22 con Pablo Díaz e Olga Kirk

[14-03-2019] Olga Kirk e Pablo Díaz volven ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns o vindeiro venres, 22 de marzo, para celebrar unha nova Foliada con Apego. A actividade, dirixida tanto a familias con crianzas como a calquera persoa á que lle guste a música tradicional, busca construír unha espazo de socialización en galego onde poder compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso inscribirse antes do 21 de marzo mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, no que deben indicarse número de participantes, os seus nomes e apelidos, as idades e un teléfono de contacto.

Ao abeiro da programación infantil deseñada para a primavera amesá, o Concello de Ames organiza unha nova Foliada con Apego o venres 22 de marzo. Desta volta estará dinamizada polo músico e compositor Pablo Díaz e pola música Olga Kirk, compoñentes da exitosa banda Tic Tac, coa que realizan espectáculos dirixidos ao público infantil e familiar. Así, estas Foliadas convértense en ocasións idóneas para coñecerse, compartir, cantar, bailar e aprender cancións galegas no que as crianzas e as persoas que participen iránse introducindo no canto e no baile tradicional dun xeito espontáneo e natural.

Asemade, quen toque algún instrumento tradicional pode levalo para axudar a facer festa, pero sobre todo, recoméndase ir con ganas de cantar, bailar, coñecer xente e, sobre todo, pasalo ben. Neste encontro búscase tamén promover o encontro interxeracional polo que, ademais de a familias con cativos, a actividade ábrese a calquera persoa á que lle guste a música e lle apeteza pasar un anaco cantando, tocando e bailando. Así, a Foliada será este venres, 22 de marzo, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns entre as 18.00 h e as 20.00 horas.

As Foliadas con Apego xurdiron a partir dunha proposta realizada polas familias que fan parte do proxecto do “Apego” no Concello de Ames. O programa procura acompañar e apoiar ás familias na transmisión do galego ás crianzas durante os seus primeiros anos de vida, reforzando a identidade en relación á familia e ás súas raíces a través de xogos, contacontos, festas, xornadas de convivencia e outras actividades. O obxectivo das Foliadas con Apego é achegar a musica tradicional galega ás nenas e nenos, ao tempo que se promove un espazo de encontro e socialización en galego. En Ames, xa son máis de 130 as familias adheridas ao programa, que comezou a andar en setembro de 2016.

As persoas interesadas en participar na Foliada con Apego deberán inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal. No momento da inscrición, deberán indicar o número de persoas participantes, os seus nomes e apelidos e idade así como un teléfono de contacto. O prazo de inscrición rematará o 21 de marzo. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 662 377 215. A entrada será de balde ata completar aforo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925