Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Club de lectura da...


O Club de lectura da biblioteca do Milladoiro visita Ponte Maceira para redescubrir a súa riqueza cultural

[14-03-2019] Ponte Maceira acolleu este martes unha visita dos membros do Club de lectura da biblioteca do Milladoiro e do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil. Durante a saída, os e as participantes visitaron a zona ao tempo que puxeron en común as súas impresións sobre a análise bibliográfica sobre este enclave que o club realizou nas últimas semanas. Asemade, durante a visita falouse da carga histórica do lugar e o edil informou ao grupo sobre como se encontra o proceso para declarar o entorno como Ben de Interese Cultural.

Varios membros do Club de lectura da biblioteca do Milladoiro e de JUPEMI realizaron este martes unha excursión ao entorno de Ponte Maceira, onde tamén visitaron os muíños e os núcleos rurais tradicionais da zona, tanto de Ames como de Negreira. Esta visita realizouse no marco da análise de bibliografía e textos que nas últimas semanas realizou o grupo sobre este lugar. O obxectivo desta iniciativa foi que os membros do club visitasen un entorno amesá coñecido por todos pero que moitos deles aínda non tiveran oportunidade de visitar.

Asemade, nesta actividade que buscou poñer en valor Ponte Maceira, tamén participou David Santomil, concelleiro de Educación e Cultura de Ames, que foi o encargado de explicarlles aos congregados como se encontran neste momento os trámites para levar a cabo a declaración do entorno como Ben de Interese Cultural (BIC). Esta declaración implicaría a garantía dunha serie de medidas para a conservación, protección e o desenvolvemento deste patrimonio, así como a realización de actuacións específicas para a posta en valor deste recurso cultural.

Durante a visita, que comezou arredor das 10.00h, as e os membros do club viron in situ este enclave que limita os concellos de Ames e Negreira, e que é un paso estratéxico na ruta xacobea que une Santiago con Fisterra, o que o converte en nexo entre a costa e o interior de Galicia. Sen embargo, na bibliografía coa que traballaron no club tamén se manifesta a importante carga histórica do entorno, ao converterse este en escenario de dúas importantes batallas medievais: a que enfrontou ao conde de Traba e ao arzobispo Diego Xelmírez pola supremacía dos seus dominios no século XII, e a que disputaron os exércitos do arzobispo Fonseca II e os do nobre López Sánchez de Moscoso no XV polo territorio do val Amaía.

Outras actividades do Club de lectura
Este ano 2019, o Club de lectura para adultos cumpre 13 anos da súa constitución. Con esta iniciativa, as bibliotecas buscaban lograr novos lectores adultos ou recuperar aqueles que, polos motivos que fosen, perderan o hábito da lectura. Así, esta iniciativa converteuse nun lugar propicio para expandir o coñecemento literario, intercambiar ideas e opinións sobre as lecturas realizadas, visitar algúns dos lugares citados nos contos e nas novelas, ver as películas realizadas sobre as obras, e, en definitiva, complementar a lectura con outras actividades que fagan máis amena e activa a participación no club.

Entre as diversas saídas culturais realizadas polo club nos últimos anos encóntranse a Ribeira Sacra, unha terra marcada pola beleza das súas montañas, os ríos Miño e Sil e unha paisaxe que conta coa maior concentración de construcións de estilo románico de Europa. Asemade, no 2017 os membros do club visitaron as mariñas coruñesas, onde percorreron as Fragas do Eume, a vila de Ares, o mosteiro de Santa María de Monfero, os xardíns do Pasatempo de Betanzos e a cinematográfica vila de Ares, onde se filmaron a película Julieta de Almodovar, ou a coñecida serie Padre Casares.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925