Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula de...


A Aula de Informática do Milladoiro abre o prazo para inscribirse nos cursos dos vindeiros meses

[02-04-2019] A Aula de Informática do Milladoiro xa ten aberto o prazo de inscrición para anotarse nos cursos que se impartirán nas súas instalacións os meses de abril, maio, xuño e xullo. A oferta está formada por un obradoiro de elaboración de documentos con LibreOffice Writer, que terá lugar en abril; unhas xornadas de Internet para usuarios con nivel medio, que se desenvolverán en maio; e dous cursos de mecanografía para os meses de xuño e xullo. Premendo a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a solicitude de inscrición para algún dos diferentes obradoiros, que son gratuítos.

A Aula de Informática do Milladoiro inicia a súa programación de primavera cun curso sobre a elaboración de documentos co xestor gratuíto LibreOffice Writer. Dirixido a persoas maiores de 16 anos, este taller de seis horas de formación impartirase os días 23, 24, 25 e 29 de abril en horario de 18.00 a 19.30 horas. Poderán participar un total de 10 persoas, e está indicado para todas aquelas persoas interesadas en aprender a usar un procesador de textos para escribir cartas, currículos, carteis, inserir autoformas, etc.

Os usuarios/as maiores de 16 anos tamén poderán participar nas xornadas de internet que se impartirán o 27, 28 e 29 de maio. Durante as 4,5 horas que dura a ensinanza, os participantes aprenderán aspectos como a personalizar a configuración do seu navegador, gardar diversos elementos no ordenador, coñecer páxinas de anuncios, ou pautas a seguir con respecto ás compras online. Este curso está dirixido a persoas con un coñecemento básico da rede que xa saiban buscar información na rede, e estará dividido en dúas quendas de 10 prazas cada unha. A primeira realizarase en horario de 10.00 e 11.30 horas, mentres que a segunda terá lugar de 18.00 a 19.30h.

Os meses de xuño e xullo impartiranse dous cursos de mecanografía. O primeiro deles está programado para os días 3, 4, 5, 6 e 10 de xuño en horario de 17.00 a 18.00h, e nel poderán participar un total de 10 nenos e nenas de entre 9 e 12 anos. Por outra banda, p curso impartido do 1 ao 5 de xullo estará dirixido a rapaces e rapazas de 13 a 18 anos, e levarase a cabo de 12.00 a 13.00h. Ambos dispoñen de 10 prazas.

Tramitación das inscricións
O prazo de inscrición para estes obradoiros gratuítos está aberto dende este luns, 1 de abril, ata que se cubran todas as prazas, o que se fará por orde de inscrición. Cómpre destacar que terán preferencia as persoas que non teñan participado anteriormente nestes mesmos obradoiros. Para inscribirse é preciso estar empadroado no Concello de Ames e para que se formen os grupos é preciso un mínimo de sete persoas inscritas.

As inscrición poderanse facer en horario de Aula Aberta, de luns a xoves de 16:00h a 20:00 horas, e os venres de 9:30h a 13:30 horas; ou a través dun correo ao enderezo electrónico informatica.milladoiro@concellodeames.gal, no que deberá enviarse cuberta e asinada a solicitude de inscrición no curso que se desexe. Calquera persoa que desexe máis información pode obtela directamente na Aula de Informática da Casa da Cultura do Milladoiro, enviando un correo ao anterior enderezo ou chamando ao teléfono 981 535 940. 

Servizo de Aula Aberta

A Aula de Informática do Milladoiro ofrece un servizo de Aula Aberta para que todas as persoas que o desexen poidan facer tarefas tais como consultar o correo electrónico, facer traballos persoais, ler o xornal, pedir unha cita médica ou buscar información. O horario de aceso á Aula Aberta é de 16:00h a 20:00 horas de luns a xoves, e de 9:30h a 13:30 os venres. Para poder beneficiarse deste servizo é preciso estar empadroada ou empadroado no Concello de Ames.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925