Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Remata a terceira...


Remata a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais no que se plantaron 602 árbores en 4,3 hectáreas

[06-04-2019] Esta semana realizouse unha xuntanza no salón de plenos da Casa do Concello, na que participaron o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente, membros do goberno municipal, e o persoal da Brigada de plantación forestal e da Brigada Aprol Rural. En dita reunión deuse conta do traballo feito durante os últimos meses tanto na terceira fase do Plan municipal de prevención e incendios forestais, como na revisión e na actualización das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa do Concello de Ames.

O Concello de Ames desenvolveu dende o pasado mes de novembro a terceira fase do Plan municipal de prevención de incendios forestais, dándolle continuidade ao proxecto piloto iniciado en 2016. Durante o período do outono/inverno 2018-2019 actuouse nos ámbito 09 (Ventosa, Lombao, urbanización do Bosque Animado) e nos ámbitos 04A e 04B (monte de Outeiro - Pena Amarela). Son plans bianuais de actuación, polo que durante esta terceira fase volveuse actuar nos ámbitos 4A (Aldea Nova) e 4B (zona dos Batáns), na que xa se traballou durante a segunda fase (no inverno de 2017-2018).

Nesta terceira fase, un total de 57 persoas adheríronse ao Plan de medidas preventivas fronte incendios forestais, mediante a plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa. Deste total, executáronse 33 adhesións (7 en ventosa e 26 en Pena Amarela e nos Batáns). Actuouse nunha superficie de 4,3 hectáreas de terreo forestal, onde se plantaron 602 árbores: 286 castiñeiros (47,5% do total de árbores plantados), 130 bidueiros (21,6%), 82 carballos (13,6%), así como noceiras, cerdeiras, abeleiras, bidueiros, freixos, ameneiros e pradairos. Para a plantación de árbores frondosas caducifolias tense en conta o terreo, elixindo para o deseño de plantación, as plantas que mellor se adecúan as características do mesmo.

Este traballo realízase en coordinación entre o persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e o persoal contratado polo Concello para este fin. Deste xeito, unha técnica do departamento de Medio Ambiente marcoulle diariamente as directrices do traballo a brigada de plantación, composta por un capataz e dous peóns. O Concello asumiu o custe da contratación deste persoal da brigada. En total, o Concello destinou arredor de 58.000 euros de fondos propios á terceira fase deste plan.

O persoal técnico da Concellaría de Medio Ambiente e mailos integrantes da brigada de plantación forestal destacan a problemática que supón en moitos casos atopar as fincas e aos propietarios/as de algunhas parcelas de monte. O persoal desta brigada ten que realizar unha importante labor de investigación para atopar aos propietarios/as de determinadas fincas e incluso que os propietarios/as atopen as súas parcelas de monte. Nesta fase o persoal desta brigada púxose en contacto con 303 persoas, das que 124 visitaron as súas fincas. Tamén destacan a importante labor de cohesión social e contacto veciñal que supón a adhesión a dito plan, e que permite ao mesmo tempo, a permuta e a compra-venta de parcelas de monte entre a veciñanza. Isto último permite ordenar o monte amesáns a pequena escala. Revisión e actualización das redes secundarias de faixas
O Concello de Ames contou dende o pasado mes de xullo coa brigada Aprol Rural, subvencionada a través do programa de fomento do emprego no medio rural da Consellería de Economía, Emprego e Industria. As faixas de xestión de biomasa divídense en redes primarias, secundarias e terciarias. As redes secundarias de faixas de xestión de biomasa teñen un ámbito municipal e posúen a función prioritaria de protección dos núcleos poboacionais, das infraestruturas, dos equipamentos sociais, das zonas edificadas, dos parques e dos polígonos industriais.

O persoal desta brigada actualizou as redes secundarias de faixas de xestión de biomasa do Concello, é dicir, adaptou aos últimos cambios producidos na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; e á definición dos espazos de biomasa vexetal arredor de núcleos habitados, vivendas illadas. Ademais, realizaron unha revisión e catalogación das masas vexetais localizadas dentro das faixas da interfaz urbano-forestal e das zonas de influencia forestal; e crearon un documento de apoio para o Plan de medidas preventivas mediante plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión.

Tamén crearon un mapa xeoreferenciado para as parcelas, vías e camiños municipais, e un documento SIX como ferramenta preventiva e operativa. Así, elaboraron un documento cartográfico que serve como guía para a demarcación das zonas de actuación prioritarias e urxentes, en base a indicadores de risco; como documento de xestión e consulta para persoal do concello e titulares do monte. Agrupación dos ámbitos do Milladoiro e Bertamiráns
O Concello definiu en 2007, no Plan municipal para a Protección do Espazo Rural e dos Asentamentos de Poboación, que xa se actualizou en 2016, un total de 59 ámbitos de protección a núcleos urbanos e 54 de protección a vivendas illadas e outras instalacións. A lei de prevención de incendio de Galicia foi sufrindo modificacións a longo deste anos, en concreto nun principio as faixas de xestión de biomasa definíase arredor de núcleos poboacionais, mentres que na actualidade abarcan solo urbano, de núcleo rural e urbanizable. Así mesmo no ano 2016 (data da ultima revisión das faixas do concello) os criterios de xestión de biomasa nas faixas fixaba unha distancia de 30 metros dende o limite urbano libre de pinos, eucaliptos e acacias, mentres que na actualidade esa distancia é de 50 metros.

A inclusión dos novos terreos, a redifinición das distancias e a valoración do estado actual da vexetación foron as tarefas a realizar por esta brigada. A efectos de mellor definición de ámbitos agrupouse en un so ámbito O Milladoiro, o que anteriormente estaba separado en dous ámbitos, o mesmo aconteceu coa agrupación do ámbito de Bertamiráns, que anteriormente estaba dividido en Bertamiráns, As Cortes, Cantalarrana e o Pedregal.

Para a valoración do índice de perigosidade das parcelas tívose en conta a orientación, o rango da pendente e as características da vexetación presente na parcela. Despois do traballo feito, o número de parcelas a xestionar incrementouse respecto a última revisión feita en 2016. Deste xeito pasouse de 12.382 parcelas a 18.970 parcelas, que representa o 35% da superficie forestal de Ames. Este incremento supuxo pasar de 496 hectáreas a 1.312 hectáreas debido ao cambio de normativa. Experimentouse un incremento dun 5% a un 14% das hectáreas de xestión con respecto a 2016. Cómpre destacar a existencia de 229 parcelas de propiedade municipal incluídas en faixa (21,5 hectáreas).

Por outra banda, a distribución da superficie segundo o índice territorial de risco reflicte que o 17% do terreo forestal está dentro do nivel de perigosidade alta (16% - 3.399 parcelas) e moi alta (1% - 220 parcelas). O 83% do terreo restante está dentro dunha escala de perigosidade baixa (61% - 10.382 parcelas) e moderada (22% - 4.940 parcelas). Aínda que a perigosidade máis elevada ascende a un 17%, nos vindeiros anos as parcelas no intervalo de perigosidade moderada (22%) poderían aumentar de risco, razón pola cal se require de revisións periódicas, facendo de este, un documento vivo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925