Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Deputación...


A Deputación apoia con 200.000 euros a creación dun centro de coworking centrado no sector audiovisual en Ames

[05-04-2019] O Concello de Ames e maia Deputación da Coruña asinaron esta mañá un convenio para a adquisición dun inmoble, situado no polígono industrial do Milladoiro, que será usado como espazo de traballo colaborativo e que terá como finalidade ampliar os servizos de apoio a iniciativas emprendedoras, proxectos empresariais ou iniciativas de autoemprego, con especial atención ao sector audiovisual. Segundo se recolle no texto do convenio, a Deputación cofinanciará algo máis do 35% dos custes do local, cunha achega de 200.000 euros.

Este acordo permitirá que Ames se sume aos concellos de Oleiros, Carballo, Brión e Boiro, onde a Deputación está impulsando a creación dunha Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo de carácter comarcal e sectorial, adaptados ás necesidades específicas dos sectores profesionais con maior potencial de cada unha das zonas.

Así, por exemplo, o centro de Oleiros estará destinado ao sector da arquitectura, o urbanismo, a enxeñería ou as enerxías renovables; o de Carballo a empresas TIC; o de Boiro ao sector do mar e o de Brión á transformación de produtos do sector primario, mentres que o de Ames centrarase no sector audiovisual e a innovación dixital.

Apoio ao desenvolvemento de proxectos emprendedores
Neste novo espazo, o concello de Ames porá a disposición de emprendedores e empresas da comarca servizos e infraestruturas físicas de apoio para apoiar o desenvolvemento dos proxectos empresariais na fase preliminar. Será un espazo de acollida temporal pensado para acoller ás empresas nos seus primeiros pasos, acompañalas e prestarlles determinados servizos adaptados ás necesidades de cada proxecto empresarial co fin de que mediante unha xestión correcta, se facilite o desenvolvemento de iniciativas na localidade, comarca e entorno.

O espazo servirá ademais para que profesionais de diferentes sectores, compartan o mesmo espazo físico para traballar nos seus propios proxectos e facilitar o intercambio de ideas, proxectos, coñecementos e fomentar a colaboración.

Promoción económica e empresarial
Os espazos de coworking están a ser considerados en toda Europa como fonte de inspiración para poñer práctica novos enfoques de traballo, innovación e colaboración e son un reflexo na aparición de novos modelos e novas expectativas no mundo dos negocios e na sociedade en xeral.

Con esta iniciativa, o concello de Ames quere dar un paso máis no ámbito da promoción económica e empresarial que vén desenvolvendo e incidir máis no fomento da cultura do emprendemento pois existe unha correlación positiva entre a promoción do espírito emprendedor e os resultados económicos en termos de crecemento, supervivencia de empresas, innovación, creación de emprego, cambio tecnolóxico e incremento da produtividade que ofrece perspectivas de desenvolvemento socioeconómico para Ames e comarca.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925