Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames reitera a solicitude dunha Aula CeMIT para O Milladoiro

[10-04-2019] O goberno municipal de Ames remitiu a comezos de marzo un escrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no que reiterou a súa petición de instalar unha aula CeMIT no núcleo do Milladoiro. Nesta carta dirixida á presidenta de AMTEGA, axencia dependente da Xunta de Galicia, o alcalde José Miñones fai referencia á necesidade de que Ames conte con máis dunha aula deste tipo, tanto pola fisionomía do concello como polo importante número de habitantes co que conta. Este tema tamén foi tratado durante unha reunión entre ambas partes realizada fai uns meses.

O pasado 7 de marzo, o rexedor do Concello de Ames enviou unha carta dirixida á presidenta da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) na que se facía alusión á petición da instalación dunha aula CeMIT no Milladoiro, co que Ames pasaría a contar con dous espazos deste tipo. Entre os motivos que propician esta solicitude enumerase a fisionomía dun concello que conta con dous importantes núcleos urbanos e diversos núcleos rurais, e que supera os 31.000 habitantes.

Así, no escrito o alcalde amesá fai referencia á necesidade de que O Milladoiro, que acolle o 41% da poboación do concello, conte tamén cunha aula CeMIT. Esta infraestrutura posibilitaría a realización dun maior número de cursos e formacións de especificación tecnolóxica, así como a realización de outras actividades ao abeiro dos programas de conciliación que na actualidade non poden realizarse pola falta deste espazo.

Esta solicitude responde a unha petición reiterada dos veciños e veciñas do Milladoiro e arredores a que se ofreza unha oferta semellante á de Bertamiráns nese núcleo. Dende o goberno municipal apúntase non só a que Ames é un dos concellos con maior porcentaxe de poboación xove da área de Compostela, senón tamén a que o crecemento poboacional fai necesario un servizo co que outros municipios con menor densidade xa contan.

Así, non só a mocidade se beneficiaría deste servizo, senón tamén moita xente maior que se achega a este tipo de aulas para realizar trámites, participar en cursos e obradoiros para iniciarse en diversos aspectos tecnolóxicos ou contactar con familiares que viven lonxe.

Neste senso, dende o goberno municipal suxírese a actual aula de informática como o espazo máis adecuado para a súa conversión en aula CeMIT, posto que conta cunha localización coñecida polos cidadáns e posúe todas as comodidades necesarias para tal fin.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925