Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Concello de Ames...


O Concello de Ames realiza unha enquisa entre os e as usuarias das Escolas deportivas municipais

[11-04-2019] Durante o mes de abril, a Concellaría de Deportes de Ames está a repartir unha enquisa entre os usuarios e usuarias das escolas deportivas co obxectivo de coñecer a súa opinión sobre este servizo municipal. A través das dez cuestións que se articulan nesta sondaxe búscase coñecer que aspectos son máis sensibles de mellora baixo o punto de vista da cidadanía, así como outras disciplinas que poderían ter demanda no caso de incorporarse á oferta xa existente. Neste curso 2018-19 hai arredor de 1.900 persoas inscritas nalgunha das 20 actividades ofertadas.

Esta iniciativa consiste nunha sondaxe de carácter municipal cuxo obxectivo principal é reflectir o grao de satisfacción dos/as usuarios/as nas actividades impartidas ao abeiro das escolas deportivas de Ames, así como coñecer de preto a opinión das persoas que participan nalgunha das actividades do servizo. A campaña está dirixida aos máis de 1.900 usuarios/as inscritos na vintena de actividades ofertadas, das que 13 están encadradas no programa de Formación Deportiva e 7 no apartado de Ponte en Forma.

Para elo, a enquisa avalía dez cuestións como son a adecuación dos horarios á dispoñibilidade dos usuarios, a cantidade de horas de formación, a duración dos cursos ou o custo de matrícula. Asemade, tamén se busca coñecer as súas impresións sobre as posibles disciplinas que poderían incorporarse á oferta, a limpeza e mantemento das instalacións que acollen as actividades e o funcionamento das clases, para o que se pide a avaliación da metodoloxía e o transcurso das sesións, así como a actitude dos monitores e monitoras.

Dita enquisa estase a repartir entre os usuarios e usuarias ao longo do mes de abril, ao remate das actividades que forman parte das Escolas deportivas municipais. Ademais, o cuestionario tamén está dispoñible baixo a pestana de descargas desta nova que, unha vez cuberta, pode ser enviada ao enderezo electrónico deportes@concellodeames.gal.

Unha vintena de actividades ao servizo do cidadán
A oferta deste curso 2018-2019 inclúe 20 actividades diferentes; 13 encadradas no programa de Formación Deportiva e 7 no apartado de Ponte en Forma. Este ano destaca a inclusión de catro novas actividades como son o squash (dentro do apartado de Formación deportiva) e as clases de Adestramento funcional; Ioga e GAP (hipoprensivos) – Aerocombat (dentro do programa de Ponte en forma).

Así, o programa de Formación Deportiva comprende as seguintes actividades: ballet, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala masculino, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez, ximnasia rítmica e squash. Pola súa banda, dentro do apartado de Ponte en Forma pódense encontrar as actividades de adestramento funcional, aerozumba, ioga, GAP (hipoprensivos) – Aerocombat, pilates, spinning, abdominais e glúteos, así como ximnasia de mantemento.

A actividade con maior número de inscritos continúa a ser o pilates, mentres que na modalidade de formación deportiva o patinaxe aglutina o maior número de nenos/as. Esta anualidade, buscouse repartir de xeito equitativo todas as actividades deportivas a excepción do squash, que tan só pode desenvolverse en Bertamiráns, e o spinning que se practica en exclusividade no Milladoiro, repartindo así diferentes especialidades entre os dous núcleos urbanos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925