Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O alumnado de...


O alumnado de bacharelato do IES do Milladoiro achegouse hoxe ao mundo laboral da man de vinte e oito profesionais

[12-04-2019] Vinte e oito profesionais achegaron hoxe a súa experiencia laboral ao alumnado de bacharelato do IES do Milladoiro ao abeiro do programa “Construíndo o meu camiño”. Esta iniciativa, organizada pola ANPA do IES do Milladoiro coa colaboración do propio centro e o Concello de Ames, buscou servir como ponte entre os mozos e mozas de bacharelato e o seu futuro profesional, tentando achegarlles a maior información posible sobre as saídas laborais ás que poderán optar. A actividade desenvolveuse no propio centro entre as 11.40 e as 14.30 horas.

Ao longo desta mañá, os alumnos e alumnas que están a cursar primeiro e segundo de bacharelato no IES do Milladoiro participaron na xornada Construíndo o meu camiño. Mediante unha serie de reunións con diversos profesionais que compartiron cos mozos/as a súa experiencia laboral, o obxectivo desta iniciativa foi que o alumnado puidese preguntar e compartir as súas dúbidas no referente ao ámbito profesional con persoas con experiencia nas ramas do coñecemento que máis os atraesen.

Un total de vinte e oito persoas, divididas en nove grupos, compartiron cos mozos e mozas as súas experiencias e tentaron contestar a todas as dúbidas que xurdiron ao longo da mañá. Entre as ramas de coñecemento presentes na xornada houbo ámbitos como sanidade, turismo, educación, artes, informática, comunicación, dereito, servizos sociais, policía ou enxeñería, entre outros. Cada alumno puido acudir a dous grupos distintos, escollidos por eles mesmos segundo os seus intereses. Cada un dos grupos contou coa presencia de tres ou catro profesionais e un grupo reducido de alumnos/as para favorecer a comunicación entre os integrantes.

A mañá rematou cunha xuntanza xeral, que se celebrou ás 14.30h, e na que se xuntaron tanto os profesionais como o alumnado que participaron nesta actividade. Asemade, o fío condutor desta edición de Construíndo o meu camiño foi trasladarlle aos rapaces/as á importancia de guiarse polos intereses e gustos á hora de decidir o ámbito ao que dedicarse.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925