Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Cincocentos oitenta...


Cincocentos oitenta deportistas déronse cita no Campionato de Judo das categorías alevín e infantil celebrado no Milladoiro

[15-04-2019] O pavillón municipal do Milladoiro acolleu durante o último fin de semana de marzo o Campionato de Judo organizado polo Compostela Judo Club, no que participaron deportistas das categorías alevín e infantil. A proba, encadrada na Liga Galicia Rias Altas, contou coa asistencia dun total de 400 deportistas e 23 adestradores/as, membros de varias escolas de Ames, Santiago de Compostela e Teo, así como de diversos clubs galegos. Con motivo desta competición, tamén tivo lugar unha concentración da selección galega de judo, na que participaron 180 deportistas e 22 adestradores.

O Compostela Judo Club organizou o 31 de marzo un campionato de judo das categorías alevín e infantil, encadrado na Liga Galicia Rias Altas. O evento contou coa participación dun total de 400 deportistas e 23 adestradores, provintes de varios centros educativos dos concellos de Ames, Teo e Santiago de Compostela, así como de trece clubes de toda a comunidade. A devandita competición contou coa colaboración do Concello de Ames, o Centro de Saúde Dental Rueiro, Gadis Milladoiro, e Ad gelo Café Lounge.

Os primeiros en competir foron os e as participantes da categoría infantil, nados entre 2005 e 2006, que marcaron o comezo da xornada. Así, das 9.30 ás 9.45h realizouse a pesaxe dos participantes, que deu paso ás fases eliminatorias, que se estenderon das 10.00 ás 11.30h. A continuación tivo lugar a entrega de premios desta categoría. Pola súa banda, a pesaxe dos participantes na categoría alevín, nados do 2007 ao 2008, realizouse entre as 11.00 e as 11.15h. Tralo control de peso, as eliminatorias desta categoría desenvolvéronse entre as 11.45 e as 13.00h, momento no que se realizou a entrega de premios desta última categoría. O tempo de combate da categoría alevín foi de 1,30 minutos, mentres que na infantil ampliouse ata os 2 minutos.

No tocante á participación, á concentración da selección galega de judo acudiron uns 180 deportistas e 22 adestradores, mentres que os participantes da Liga Rías Altas foron 220 judokas e 18 adestradores, e no Trofeo de Ames concorreron 180 deportistas e 5 adestradores. Así, durante a última fin de semana de marzo pasaron un total de 580 judokas e 45 adestradores polo polideportivo do Milladoiro. Neste sentido, participaron trece clubes galegos e alumnado das escolas deportivas de Compañía de María, San Lázaro, López Ferreiro, Club Family Padel Os Tilos, A Ramallosa, Barouta, Divino Maestro, Apóstolo Santiago e das escolas municipais de Ames.

A concentración, que tivo lugar o sábado 30, estivo dirixida a que os equipos da selección galega de judo se preparasen para o campionato nacional das categorías cadete e infantil, que terá lugar do 26 ao 28 de abril en Valencia. Un total de quince judocas do Compostela Judo Club están convocados para participar nesta competición. Asemade, os días 12, 13 e 14 de abril os deportistas do club, Diego Salvado e Lucía Riveiro, participaron no Campionato de Asturias.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925